Falan os actores: "Para quen imos facer teatro se a xente está perdendo os seus negocios?"

O mundo da interpretación retoma o traballo con moitas incertezas sobre o futuro e sen un protocolo de prevención para exercer a profesión con garantías. Asentado xa dende hai moito na precariedade, esta crise non fixo máis que evidenciar a inestabilidade laboral de quen forma parte do sector.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tras un parón completo de case tres meses, o sector do audiovisual e das artes escénicas comeza a espertar de novo, mais faino a diferentes velocidades en función das capacidades económicas e cunha incerteza xeneralizada que non deixa albiscar o futuro con claridade. Arrancan algunhas rodaxes de series que teñen "grandes emporios detrás" e retómanse os ensaios dalgúns bolos de teatro -ese "irmán pequeno do sector cultural"- pero sen que haxa un protocolo específico que minimice todo o posible o risco de contaxio entre os actores e as actrices que soben aos escenarios. 

Pantalla de cinema coas butacas baleiras. EUROPA PRESS - Arquivo
Pantalla de cinema coas butacas baleiras. EUROPA PRESS - Arquivo

Pola cabeza destes profesionais tamén ronda outra preocupación: Quen virá ver obras de teatro e cinema se a xente está perdendo os seus negocios e vive ao día? Cun escenario - o da vida real - difícil de xestionar economicamente, o mundo da interpretación agarda non quedar polo camiño nesta crise. Unha crise que, ademais, veu evidenciar a "precariedade histórica" que sofre o sector cultural. Se sempre camiña por unha corda na que hai que facer "mil equilibrios para non caer", agora, os profesionais que soben aos escenarios, e tamén todos aqueles que quedan detrás del, duplican e triplican esforzos para que esa corda non rompa.

PRECARIEDADE HISTÓRICA

"Hai que gardar das alegrías das risas para os choros". A guionista, narradora oral e mais dramaturga en Tarabela Creativa, Carmen Conde, bota man dun dito que sempre lle escoitou á súa nai para explicar as idas e vidas do seu gremio "desde o principio dos tempos". Agora, "a Covid puxo as cartas enriba da mesa, pero por máis que esta precariedade sexa histórica, non quere dicir que non se poidan mudar as cousas, temos que intentalo por todos os medios", conta convencida. A ela e mais a Diego Gallego, que pilotan xuntos a Tarabela, o estado de alarma pillounos "a piques de encarar tres meses de moitísimo traballo", pero en 24 horas "bastante angustiosas" sucedéronse de súpeto unha chea de chamadas que só tiñan un cometido: a cancelación dos espectáculos.

Aquel 14 de marzo no que todo se paralizou, tamén a actriz Sheyla Fariña viña de incorporarse como axudante de dirección ao novo espectáculo - O mozo da última fila - da compañía de teatro compostelá Retrum. E a Alberte Montes, actor, cómico e locutor de radio, a pandemia pillouno a piques de ser pai e cun ritmo de traballo máis baixo ca noutras ocasións. Con doce anos de experiencia ás costas, este profesional non conta poder arrincar con forza ata setembro e calcula que atopará de novo a estabilidade en torno a xaneiro. Equipara o seu emprego con atravesar "unha crise constante", marcada pola intermitencia dos contratos, aínda que comenta retranqueiro que se a do 2008 non o matou, agarda que esta tampouco o faga.

Gala dos Premios de Teatro María Casares. LADIAPO
Gala dos Premios de Teatro María Casares. LADIAPO | Fonte: ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES - Arquivo

Xustamente esta inestabilidade inherente ao sector fai que o parón deixe a moitos profesionais no desamparo. "Se non partiramos dunha situación de precariedade, dous meses serían asumibles para a xente", fala Sheyla Fariña, pero lonxe diso, e salvando excepcións, o sector cultural, e máis concretamente o teatro, leva tempo sen gozar de boa saúde. "Que agora abran as salas ao 30%, realmente, non o imos notar". Acostumados moitos a ter que "picar dun lado e doutro" para poder sacar o ano adiante, actores e actrices séntense na necesidade de "loitar por sobrevivir e porque a administración mire para nós". 

SEN PROTOCOLO DE SEGURIDADE

Polo de agora, a sensación xeneralizada respecto do Plan de Reactivación da Cultura trazado pola Xunta de Galicia para afrontar o próximo futuro é de "insatisfacción". A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, de feito, emitiu un comunicado no que criticaban a falta de concreción de medidas, a presentación de "programas baleiros de contido" e a ausencia de protocolos para garantir a seguridade sanitaria dos traballadores.

O seu presidente, Xabier Deive, debuxa a situación actual: quen pode retomar a actividade dunha maneira máis folgada e con máis medidas de protección son aqueles proxectos que teñen detrás "grandes plataformas, grandes emporios". As pequenas produtoras convértense nas máis afectadas, xa que non son quen de facer fronte a estes custos. "Reivindicamos que haxa un protocolo serio para exercer a profesión coas máximas garantías, e que como mínimo se poidan facer test fiables a todos os traballadores. Como actores vémonos totalmente desprotexidos neste sentido", denuncia.

A precariedade a nivel económico tamén pon a seguridade en entredito. "As compañías de teatro en Galicia non están capacitadas para asumir os custos reais das medidas que poderían reducir o risco ao máximo", fala Sheyla Fariña. Consciente de que ningún protocolo vai asegurar un risco cero, esta actriz pon sobre da mesa a posibilidade de "modificar certos movementos escénicos e repensar os contactos próximos" enriba do escenario. Tamén fala de ampliar espazos, desinfectar atrezzo, ensaiar con pantallas, medir a temperatura e "ser moi honestas con nós mesmas: se me atopo mal, debo avisar".

Dubida, á vez, como poderían implantarse os protocolos: "É heavy que se un test che dá positivo quedes sen traballo. E se dá negativo, cal é o sistema? Confinar todas as persoas que traballamos xuntas nun búnker?". A Administración, di, debe prestar especial atención ás persoas de risco e poñer todo a favor para minimizar a posibilidade de contaxio e non provocar desigualdades entre profesionais. "Ou iso ou non empezar a traballar, que implica outro risco, o económico".

"PARA QUEN IMOS FACER TEATRO?"

A folla de ruta marcada pola Xunta recibe tamén críticas pola preponderancia do Xacobeo. Para Alberte Montes, trátase de algo semellante a "construír unha Cidade da Cultura sen cultura dentro". "Sacar peito dun orzamento para o Xacobeo tendo tantas eivas no sector cultural paréceme esquecer o principal", critica. Igualmente, as medidas coxean, agora a ollos de Xabier Deive, no referido ao investimento. "Está centrado en facer funcións a toda costa pero non hai un plan B por se se produce un rebrote; por iso queremos cartos para garantir a seguridade no traballo", destaca. Nesta mesma liña van tamén as críticas de Fariña: "Hai vontade de investir e programar, pero en realidade ten sentido cando nin sequera está claro que a xente poida vir? Para quen imos facer teatro se os nosos posibles espectadores están perdendo os seus negocios? Iso preocúpame moito, porque non hai teatro sen público e porque a crise aínda está por chegar".

O que ata agora se sabe é que os aforamentos están reducidos ao 30% para asegurar a distancia persoal nos patios de butacas. "Será moi estraño", fala Carmen Conde, que ferve de ganas por volver atoparse co seu público. "Botámolo de menos dun xeito desmedido, coma quen bota de menos á familia", recoñece. Durante todo este tempo, as iniciativas culturais tiveron que restrinxirse ao eido virtual. Carmen valora todos eses proxectos, como a Pandemia de Contos do Colectivo NOGA, que se readaptaron e se botaron a andar por medio das redes. Por iso mesmo, considera que "chegou o momento de estudar e reformular como colectivo un montón de cousas. A cabeza encheuse de dúbidas, posibilidades e horizontes en torno ao incerto e o novo".

E así, remoendo nos pensamentos para abrir novos camiños e recuperar os que eran de seu, o sector do teatro e do audiovisual volve encender luces coa intención, non de volver á vella precariedade, senón de mudar as cousas cara a un futuro máis esperanzado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta