Galicia entra en fase 3 pero atrasa ata xullo a apertura de bares nocturnos e discotecas

O Goberno galego considera que o funcionamento de establecementos de lecer nocturno "non procede por agora".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2020 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo uso este luns da súa capacidade como autoridade competente delegada para asinar un decreto polo cal apraza ata o mes de xullo a apertura de discotecas e establecementos de lecer nocturno na comunidade.

Fíxoo tras unha reunión inderdepartamental na que a Consellería de Sanidade expuxo un informe relativo a esta cuestión. A decisión supón aprazar unhas semanas a apertura deste tipo de establecementos, cuxo funcionamento estaría permitido polo proceso de desescalada xa desde a fase tres, na que Galicia entrou este luns.

Con todo, en opinión do Goberno galego, o funcionamento destes locais "non procede por agora", senón que consideran "preferible esperar" a que "se poida avaliar o resultado do levantamento doutras restricións", como o libre tránsito entre as catro provincias galegas, que tamén se permite desde este luns.

Durante as conversacións mantidas con membros do sector, a Xunta recoñeceu e agradeceu "o esforzo" que están a facer ao ver prolongadas as restricións que lles afectan "en aras da maior seguridade para o conxunto dos galegos". Do mesmo xeito, o Goberno galego trasladoulles "o seu compromiso para seguir traballando conxuntamente co obxectivo de que a apertura a partir de xullo poida facerse nas condicións máis viables que sexan posibles".

APERTURA DE XIMNASIOS

Coa entrada de Galicia na fase 3 reactívase tamén o funcionamento dos ximnasios, que, no entanto, deberán manter as medidas de seguridade, separación e desinfección obrigadas, así como non permitir o uso de vestiarios.

Así mesmo, entre as novidades da fase 3 do plan de desescalada está a apertura ao público dos establecementos de hostalaría e restauración para consumo no local ata o 50% do seu aforamento e o consumo en barra sempre que se manteñan as distancias de seguridade. As terrazas ao aire libre poderán ser ocupadas ata o 75% da súa capacidade.

Mocidade divertíndose nunha discoteca
Mocidade divertíndose nunha discoteca

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Aplausos, confinamento, bozal, distancia social, tomas de temperatura... pero que ninguen cuestione nada non vaia ser que se den conta que están a perder o mais importante: a sua liberdade. Mais podemos anunciar boas noticias pq tamen hai xente desperta (esa que dira NON a vacuna e ao Novo Orde Mundial). ¿non o credes?. Mirade en youtube o video co titulo seguinte: "Madrid se despierta y sale a protestar sin bozal contra la dictadura sanitaria"