Denunciado un youtuber galego que presumiu en redes de viaxar desde Galicia a Xixón

A Policía Local denunciou a 28 persoas durante este pasado fin de semana por diversos motivos relacionados coas medidas de protección durante o Estado de Alarma.

Por Europa Press / Redacción | GIJÓN | 08/06/2020 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Local de Xixón denunciaron un youtuber galego que, na tarde deste pasado domingo, explicou como viaxara desde Galicia a Xixón en directo polas redes sociais.

Segundo unha nota de prensa do Concello xixonés, unha vez localizado foi denunciado por desprazarse entre comunidades autónomas cando non está permitido sen xustificación ningunha.

Policia municipal na praia de Samil de Vigo
Policia municipal na praia de Samil de Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

AGRESIÓN

Doutra banda, ás 2.00 horas do domingo, unha parella foi detida por supostos delitos de agresións no ámbito familiar. Ambos tiveron unha suposta discusión na que a muller, M.E.V.N. de 42 anos, tentaría cravarlle un coitelo na perna ao seu compañeiro. V.M.M. de 39 anos de idade, pola súa banda, propinoulle varios golpes.

Tamén o domingo, ás 04.00 horas, os axentes detiveron a D.R.C., de 30 anos, como suposta autora dun delito de danos e outro de desobediencia grave. Os feitos iniciáronse na rúa Manuel Llaneza, onde a implicada dicía ser vítima dunha agresión desde a terraza dun piso.

No momento inicial, non quixo recibir ningún tipo de axuda nin ser trasladada a ningún centro médico pero, tras abandonar o lugar, abolou o capó dun coche e tirou dúas motos aparcadas na rúa Arroyo. Ademais, resistiuse á intervención insultando aos policías en todo momento.

A Policía Local, así mesmo, levou a cabo tres detencións, neste caso por alcoholemia, é dicir, por delitos contra a seguridade viaria.

28 DENUNCIAS POR INCUMPRIR AS MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Así mesmo, a Policía Local denunciou a 28 persoas durante este pasado fin de semana por diversos motivos relacionados coas medidas de protección durante o Estado de Alarma por emerxencia sanitaria, é dicir, por non respectar a distancia de seguridade e non facer uso de máscaras.

Foron inspeccionadas, ademais, 20 terrazas e 19 locais, de todos eles 13 foron denunciados por non respectar o horario de peche, pór música amplificada sen licenza, non ter licenza de apertura, permitir consumir bebidas no exterior do local e permitir consumir tabaco no interior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta