Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2020 | Actualizada ás 15:18
O Cinema Numax de Santiago de Compostela renovará este venres, día 12 de xuño, a súa actividade coa proxección de 'Opening Night', do director norteamericano John Cassavetes.
Esta será a primeira proxección desde que fai tres meses a sala anunciase a interrupción da actividade por mor das medidas postas en marcha para frear a pandemia de COVID-19.
Nesta primeira semana, na que haberá unha soa proxección diaria, haberá, ademais, importantes estreas, como 'Bacurau', de Kleber Mendonça, e a recuperación de filmes que en marzo non puideron ter "o espazo merecido", como 'A familia Samuni' ou 'A onda verde'.
A reapertura da sala cumprirá "de maneira estrita" as medidas de hixiene e seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias, con limpeza e ventilación de sala e aseos entre sesións e unha redución provisional do aforamento ao 50% das butacas.
Os responsables da sala recomendaron a compra anticipada de entradas, o que permite acceder directamente á sala sen pasar polo despacho de billetes, así como o cumprimento das medidas xerais de prevención do contaxio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.