Amigos do Camiño alertan da "importante redución" de capacidade dos albergues e instan a anticipar desaxustes

Chaman á coordinación para garantir un "camiño seguro"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2020 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

As medidas de prevención dos contagios de COVID-19 provocarán este verán que os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago experimenten unha "importante redución" da súa capacidade, algo que, nos meses que tradicionalmente rexistran un maior número de usuarios, pode derivar en desaxustes que a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago anima a ter en conta para, na medida do posible, evitalos.

Albergue.
Albergue.

Estas asociacións barallaban, dentro da desescalada do estado de alarma, a posibilidade de ir reactivando progresivamente os albergues e servizos "de menos a máis", cunha primeira fase na que o turismo estatal permitise testar o funcionamento dos novos protocolos antes de que a chegada tamén de turistas internacionais incrementase significativamente o volume de peregrinos.

As asociacións de amigos do Camiño consideran que todo o sector está desexoso de que peregrinos, tanto estatais como internacionais, volvan á ruta. Con todo, a "folla de ruta" que inicialmente prevían barallaba arrincar a tempada con turismo nacional, algo que permitiría abrir os albergues a "un número manexable de peregrinos" e comprobar o cumprimento dos protocolos antes de que os visitantes internacionais incrementasen o fluxo.

Neste sentido, desde a federación lembran que os protocolos contra a COVID-19 implican unha "importante redución de camas" nos albergues, así como que algúns, por cuestións económicas ou mesmo de saúde dos seus responsables, "non van poder abrir". A maiores, en moitos casos pídese a execución de certas reformas ás que, coa inminente reactivación da mobilidade, "non sempre se poderá facer fronte" a tempo.

A situación, lembraron, faise especialmente difícil nos últimos 100 quilómetros de camiño, onde habitualmente se produce un "tapón" que xa noutros veráns, con todas as camas operativas, xerou "desaxustes".

Tal e como lembra a federación, o binomio peregrinos-camas, especialmente en tempada alta, pode ocasionar problemas nalgunhas poboacións se non está "sincronizado", ante o que convidaron as autoridades a pensar e actuar "anticipadamente", con "prudencia" e "coordinación", ante a "posibilidade de que o fluxo de peregrinos poida chegar a pasar a capacidade do aloxamento dispoñible" coas novas medidas, tendo en conta que a partir do 1 de xullo poderían chegar gran cantidade de viaxeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta