A Xunta reafirma ante os alcaldes que sufragará os custos das medidas especiais para a xornada electoral

Un equipo de 133 técnicos inspecciona esta semana os locais electorais para verificar que cumpren coas características que implica o operativo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/06/2020 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

A Xunta reafirmou ante os alcaldes galegos que o custo das medidas excepcionais para o desenvolvemento da xornada electoral do 12 de xullo serán asumidos integramente pola Administración autonómica.

Eleccións en Galicia
Eleccións en Galicia | Fonte: Europa Press.

Tras as dúbidas suscitadas entre os rexedores galegos polo custo económico do protocolo especial deseñado polo Goberno galego para unhas eleccións autonómicas marcadas pola Covid-19, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou ante o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, que o compromiso do Executivo é asumir a totalidade do desembolso que estas medidas excepcionais carrexen e que así figura no documento aprobado e publicado no DOG o pasado 30 de maio.

Na reunión, celebrada este luns, o Executivo galego trasladou que o custo do material de protección --máscaras, xeles e luvas--, da cartelaría, tarefas de limpeza e control de acceso aos locais electorais correrá a cargo da Xunta.

Este encontro produciuse unha semana despois de que, convocados pola Fegamp, alcaldes e presidentes provinciais reclamasen claridade ao Goberno galego sobre a asunción de custos do dispositivo especial, que tamén incluirá a "intensificación" da ventilación dos colexios electorais, que serán limpados e hixienizados antes e durante a xornada do 12 de xullo, segundo comunicou a Xunta tras a reunión de Rueda e o tamén alcalde de Vilagarcía.

O número dous do Executivo incidiu na necesidade de que Xunta e concellos continúen traballando da man para que o 12 de xullo "estea todo preparado para que sexa unha xornada electoral con todas as garantías desde o punto de vista sanitario".

INSPECCIÓNS EN COLEXIOS

Un equipo de 133 técnicos da Administración galega supervisarán ao longo desta semana os locais electorais para verificar se cumpren coas características para albergar a cita coas urnas coas garantías que establece o protocolo da Xunta para o 12 de xullo.

En caso de detectarse algún colexio que non cumprise con estas garantías, a Administración poríase en contacto cos concellos para buscar un novo emprazamento. Ademais das tarefas de control preventivas, estes 133 técnicos tamén velarán polo desenvolvemento das eleccións durante a xornada electoral.

O protocolo da Xunta para as eleccións establece, entre outras cuestións, que será obrigatorio o uso de máscaras --que se apartarán no momento de identificarse, cando haberá, ademais, unha bandexa para depositar o DNI-- e hixienizar as mans para ir votar no colexio electoral.

Tamén se recomenda levar o voto preparado de casa e retiraranse as cortinas das cabinas para evitar ese contacto. Así mesmo, fixaranse distintos itinerarios de acceso ao colexio, darase prioridade aos maiores de 65 anos e pídese gardar a distancia de seguridade de dous metros --ou dun como mínimo se non houbese outra posibilidade--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta