A Xunta permite utilizar a totalidade dos asentos do transporte público a partir deste martes

Con todo, di que será obrigatorio o uso da máscara e priorizar o pago con dispositivos electrónicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2020 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

Os usuarios do transporte público poden utilizar desde este martes a totalidade dos asentos, unha resolución que, en base ás novas medidas de desconfinamiento, publica a Xunta no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Segundo lembra a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, "para garantir unha mobilidade segura", os viaxeiros deberán empregar obrigatoriamente a máscara e priorizar o pago con dispositivos electrónicos, como o cartón TMG, para evitar o contacto.

Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, os viaxeiros poderán facer uso da súa totalidade, deixando a máxima separación entre as persoas, cando o nivel de ocupación o permita.

Nos medios de transporte con prazas de pé, as persoas deberán manter entre si a máxima distancia posible, fixando como referencia a de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé.

A resolución atende ás novas disposicións establecidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e por Sanidad para flexibilizar certas limitacións na prestación dos servizos de transporte público.

"Estas medidas teñen como obxectivo compatibilizar a progresiva flexibilización das condicións de ocupación do transporte coas prioritarias garantías sanitarias", lembra a Xunta, que di que se trata de garantir "unha mobilidade segura no transporte público, que está a rexistrar un incremento de usuarios nas últimas semanas" co aumento paulatino dos desprazamentos dos cidadáns.

Repartición de máscaras no transporte público. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA - Arquivo
Repartición de máscaras no transporte público. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta