Xunta e sector alertan de que a lei de cambio climático pon en risco un cento de empresas galegas

Feijóo critica unha "modificación pola porta de atrás" da lei de costas que afecta a concesións en 80 concellos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2020 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

A Xunta e o sector de mar-industria galego alertan de que o proxecto da lei de cambio climático inclúe "unha modificación pola porta de atrás da lei de costas" que pon en risco a máis dun cento de empresas, 3.000 empregos, 80 concellos costeiros, así como 5.000 edificacións en zonas marítimo-terrestres.

Feijóo, cos representantes dos sectores da industria marítimo-pesqueira
Feijóo, cos representantes dos sectores da industria marítimo-pesqueira | Fonte: Xunta.

Tras un encontro co sector en Santiago, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, queixouse de que este cambio supón un "gravísimo problema de viabilidade económica e social de boa parte da poboación galega", cunha "falta de seguridade xurídica" e unha ameaza "moi potente" para concesións e investimentos de depuradoras, conserveiras e cetarias.

Respecto diso, lamenta que "non é o primeiro intento" por parte do Goberno central, dado que en abril do ano pasado anunciouse unha modificación no regulamento da lei de costas, aínda que en febreiro deste ano houbo un compromiso de "non tocar as concesións" no ámbito marítimo-terrestre, que agora ve como un "compromiso falso".

"Cando pensabamos que no mes de febreiro este asunto quedaba resolto definitivamente atopámonos polas portas de atrás cun artigo no proxecto de lei chamado de cambio climático", censura, "que se tramita ademais durante un momento de estado de alarma" e "sen dialogar" con Galicia e o sector.

Un artigo que "vén derrogar" as concesións unha vez que finalice o prazo e "anula a prórroga" das mesmas por "unha interpretación que vai en contra da seguridade xurídica".

Así, Feijóo considera "sorprendente" este cambio tras "levar un ano" de diálogo co Goberno para "non expor cuestións ideolóxicas en contra de sectores económicos consolidados".

"Non podemos ver como se esnaquiza o sector máis importante de toda a UE, na rexión máis importante da pesca e a conserva de toda a UE, aproveitando un estado de alarma e unha lei que nada ten que ver coa costa, unha lei de cambio climático", recrimina o titular do Goberno galego.

Por todo iso, advirte de que a Xunta non vai dar " este asunto por perdido". "Acudiremos onde sexa necesario, temos a razón", asegurou.

"SORPRESA" NO SECTOR

Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Comercialización e Depuración de Moluscos (Agade), Roberto Fariña, avisa da a situación "tremendamente complexa" que vive o sector de mar-industria, tras a "sorpresa" incluída no proxecto de lei de cambio climático no que "queda limitado" o uso da costa de concesións, o que "provoca que a gran maioría das empresas teñen un final de uso moi próximo".

Fariña pide ás administracións que se recoñeza o uso da costa para as empresas de conservas, marisqueo e acuícolas que fan un uso "sustentable" da costa. Por iso, pide que "impere o sentido común".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta