Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2020 | Actualizada ás 17:01
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés potencia con videoconsultas, vía tablet, a atención reumatolóxica a pacientes residentes en centros asistenciais da comarca, co fin de evitar desprazamentos.
Segundo informou esta área sanitaria, esta iniciativa "efectúase en coordinación asistencial entre o servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os departamentos médicos de diversas residencias".
O equipamento tecnolóxico de tablets, xestionado pola área sanitaria e doada polo Rotary Club Pontevedra, "facilita e dinamiza a prestación de determinadas consultas de saúde con pacientes e tamén entre profesionais, dando resposta a necesidades asistenciais", destacaron as mesmas fontes.
Ademais, indicaron que este sistema telemático "permite que os profesionais da Reumatoloxía poidan efectuar videocionsultas interactivas cos propios pacientes", así como "enviar aos equipos médicos de residencias asistenciais e de persoas maiores pautas de tratamento e información clínica das doenzas de certos pacientes residentes neses centros, que lles evitan desprazamentos ata o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
A xefa de Reumatoloxía deste complexo hospitalario, a doutora Susana Romero Yuste, comentou que "a intención é atender con videoconsulta os pacientes que, pola súa situación clínica ou patoloxía específica, así se lles pode efectuar", pero, puntualizou, "sen deixar de garantir en todo momento as consultas de atención presencial xeneral a aqueles pacientes que o necesiten".
"ALTERNATIVA COMPLEMENTARIA"
"Ante a situación actual, as persoas residentes en centros de maiores e sociosanitarios seguen sendo unha das poboacións diana a manter a súa continuidade de atención sanitaria", subliñou.
Neste sentido, o Sergas incide en que a utilización de sistemas telemáticos "achega unha alternativa complementaria e eficiente para supervisar casos xa diagnosticados", que permite "interactuar ás residencias asistenciais" co Servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra co fin de "controlar a evolución das enfermidades de pacientes", conclúen as mesmas fontes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.