O mes de maio foi o máis cálido en Galicia desde que hai rexistros

O país viviu unha primavera climatolóxica "moi cálida" e dentro da normalidade en canto ás precipitacións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2020 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Galicia viviu en 2020 unha primavera climatolóxica "moi cálida" e dentro da normalidade en canto ás precipitacións, cun tempo, no entanto, marcado pola variabilidade e diversidade, tal e como se recolle no informe estacional elaborado por Meteogalicia.

Praia de Samil de Vigo, en primavera
Praia de Samil de Vigo, en primavera | Fonte: © Miguel Núñez.

Así, a temperatura da primavera deste ano foi, en termos globais, "moi cálida", cunha anomalía positiva na temperatura media de +1,68 graos. Os tres meses estiveron caracterizados por tempo cambiante, pero, en xeral, os días de frío foron suaves, con mínimas moito máis cálidas do normal.

Marzo, caracterizado pola variabilidade, tivo unha anomalía media de +0,32 graos, especialmente por mor das temperaturas mínimas, que foron especialmente altas.

O mes de abril, pola súa banda, quedou caracterizado por un tempo tamén moi cambiante, pero cun predominio da inestabilidade atmosférica. Isto explica, recolle o informe, as "grandes anomalías de temperatura", con valores diúrnos normais, mentres que as mínimas foron moito máis elevadas do esperado (+2.31 graos de media). A anomalía media da temperatura de abril situouse nos +1.39 graos.

Finalmente, a primavera concluíu cun mes de maio "extremadamente cálido", pero con dúas metades ben diferenciadas. Así, a primeira quincena estivo caracterizada polo tempo irregular e cambiante, que foi "bastante suave". Pola contra, na segunda, a estabilidade foi a predominante, deixando tempo seco e con temperaturas moi elevadas.

As máximas (cunha anomalía de +4.15 graos) e as mínimas (cunha anomalía de +2.49 graos) estiveron en media moi por enriba do normal nesta época do ano. A media de maio foi de +3.32 graos, converténdoo no maio máis cálido rexistrado en toda a serie desde 1961.

PRECIPITACIÓNS NORMAIS

Polo que respecta ás precipitacións, a pasada primavera moveuse dentro da normalidade se as comparamos co período de referencia 1981-2010, cuns meses de marzo e abril normais e un maio moi seco. O informe de Meteogalicia conclúe que a cantidade de choiva media recollida foi de 307 litros por metro cadrado.

Por meses, o comportamento de marzo superou as medidas habituais grazas as choivas rexistradas na primeira semana, cando as borrascas foron moi activas e deixaron cantidades significativas de precipitacións. En abril, tamén volveron estar por enriba do esperado, un 8%.

Finalmente, no mes de maio, as choivas estiveron en xeral por baixo do habitual, principalmente debido á ausencia de choivas xeneralizadas na segunda quincena do mes. As precipitacións rexistradas foron de tipo convectivo, moi irregularmente repartidas, que fixeron que en puntos concretos as choivas puidesen ser normais ou mesmo superiores ás esperadas en maio. Con todo, a anomalía media das precipitacións para este mes de maio en toda Galicia, foi dun 49% por baixo do normal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta