Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 12:54
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, instou a Alcoa a que "ten que deixar de ser o can do hortelano", "nin comer nin deixar comer". Chama á empresa a achegar solucións para San Cibrao no canto de dicir que "lle sobran traballadores e que ten que pechar a empresa".
A preguntas da prensa este mércores, Losada sinala que na mesa multilateral do martes "quedou ben claro que todas as administracións" e traballadores "están na mesma senda", polo que "quen ten que tomar unha decisión e decidirse por Alcoa".
Tras lembrar as axudas millonarias do Goberno a Alcoa nos últimos anos, avisa de que a compañía "é a única que non toma unha decisión", de forma que "ten que ser clara" e "decidir se quere seguir co proxecto industrial e se non quere dar paso para que poida haber outras solucións, que virán despois dunha negociación".
E é que considera que a ameaza de peche por parte de Alcoa "non é un proxecto industrial para un país". "Que se defina, ten que dicirlle aos traballadores, aos galegos e aos españois que é o que quere facer coa empresa; o que non pode dicir é que non quere facer nada", expuxo.
Ademais, Losada remarca que o Goberno "está disposto a tomar todas as medidas que sexan precisas" para que a planta da Mariña "teña viabilidade industrial", no que considera "un compromiso radical" cos traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.