A Xunta pide a creación de tres Xulgados do Social en Lugo, A Coruña e Vigo este ano

O sindicato Alternativas da Xustiza-CUT acusa a Xunta de "negarse a pagar" as prolongacións de xornada realizadas polos traballadores do Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, José María Gómez e Díaz-Castroverde, presidiron este mércores a Comisión Mixta de Xustiza, onde acordaron, de maneira unánime, solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de tres Xulgados do Social en Galicia este ano, concretamente, e por esta orde, en Lugo, A Coruña e Vigo.

Tal e como dixo Alfonso Rueda, nestes momentos "é máis necesario que nunca apostar pola xurisdición Social e propor que todos os órganos xudiciais que se vaian crear en Galicia sexan órganos do Social". Baixo esta premisa, lembrou a Xunta, Galicia solicitou xa o ano pasado a creación dun Xulgado dos Social en Lugo, unha petición que o ministerio "desatendeu inexplicablemente".

Nestes momentos, a xurisdición do Social é "unha das que maior carga de traballo ten", destacou o Goberno galego, "polo que é preciso darlle saída canto antes aos asuntos pendentes e aos que poidan entrar, xa que moitos afectan a miles de familias galegas", como é o caso dos ERTE, derivados da pandemia de COVID-19.

Aínda que o Ministerio de Xustiza só asegura a creación dun órgano xudicial en Galicia, a Xunta manifesta o seu desexo de optar a máis se outras comunidades renunciasen. Estes xulgados botarían a andar en canto sexa posible, engadiu Rueda.

CARREIRA PROFESIONAL

Por outra banda, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, asinou este mércores o acordo coas organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO, que establece o sistema de carreira profesional do persoal da Administración de Xustiza galega.

No mes de maio do 2018, o Goberno galego e organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. asinaron un acordo que recollía unha serie de melloras das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia, que se iniciaron xa nese momento. Estas medidas foron o incremento salarial de entre 122 e 140 euros, en función do corpo funcionarial de pertenza, a consolidación de prazas de persoal interino de reforzo, a ampliación dos permisos de maternidade ou paternidade ou melloras nos xulgados con competencias en materia de violencia de xénero.

Outra das melloras previstas no acordo era o compromiso da Xunta de articular a implantación dun sistema de carreira profesional que, no marco legal que lles é propio aos funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza, permitise aplicar un recoñecemento da súa traxectoria profesional en condicións similares ao do resto de empregados públicos.

PROTESTAS EN VIGO

Finalmente, o sindicato Alternativas da Xustiza-CUT emitiu un comunicado este mércores no que acusa a Xunta de "negarse a pagar" as prolongacións de xornada realizadas polos traballadores do Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo durante o estado de alarma, e que foron "de ata 12 horas".

O sindicato lembra a "inmediatez" coa que se traballa neste xulgado, no que "todo é urxente" e no que "mesmo o día da súa entrada, se teñen que celebrar os xuízos rápidos que veñen sinalados polas forzas de seguridade. Isto supón, explican, a realización de numerosos trámites que "non poden ser atrasados para o día seguinte".

A "prioridade por lei" da celebración dos xuízos rápidos, "provoca que o traballo do día a día quede sempre nun segundo lugar". "O resto do traballo de diario sae polo voluntarismo e tempo dedicado polos traballadores, unha vez que sae o máis urxente", apuntan, á vez que inciden nos atrasos por falta de persoal e as xornadas "de tarde" que amplían os funcionarios para sacar adiante o traballo.

Fotos Xunta Vicepresidente Tsxg. Xunta de Galicia
Fotos Xunta Vicepresidente Tsxg. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta