Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 20:30
Os centros de día galegos poderán prestar atención terapéutica individual e con cita previa aos seus usuarios. A medida poderase pór en marcha de forma inminente, pero aínda non se concretou o día, segundo fontes da Xunta, que indican que se mantén a actitude "prudente" con respecto á apertura destas instalacións. É a súa resposta as numerosas críticas recibidas por familiares e usuarios destes centros que piden que se poidan abrir xa.
A decisión trasladáronlla este mércores o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, a responsables do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) nunha videoconferencia.
A Xunta informou nun comunicado de que autoriza esta atención terapéutica individual, que se poderá prestar "garantindo todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias". O Goberno galego insistiu en que quere "ser prudente" con respecto á apertura dos centros de día, pero procura "dar unha resposta ás necesidades que poidan ter as persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias".
O seu compromiso, agregou, é "facer todo o posible para normalizar progresivamente a situación" e xa está a traballar coas entidades para retomar o resto de actividades que ofrecen os centros de día, para o que se está ofrecendo formación específica a todo o persoal. Ademais, haberá unha subministración centralizada de equipos de protección a través da plataforma Clonegal e cada centro deberá contar cuns protocolos adaptados á súa situación específica.
Cando se cumpran estas condicións e a autoridade sanitaria dea a súa visto e prace, engadiu Política Social, os centros irán retomando a actividade de forma progresiva. A Xunta insistiu en que está "a extremar a prudencia e vixiando a evolución da pandemia", pero tamén traballa para ir recuperando os servizos sociais, que "son imprescindibles no día a día destas persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.