Marchas en Galicia para esixir servizos sociais públicos e denunciar a situación nas residencias

Modepen cre que era "evitable" a "alta taxa" de mortalidade nestes centros e Marea Galeguista pide explicacións a Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2020 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Distintas cidades galegas acolleron mobilizacións para esixir servizos sociais "públicos" e de "calidade", nunha xornada de protestas para homenaxear as vítimas da COVID-19 nas residencias de maiores, motivo polo que os participantes luciron crespóns negros.

Marcha Cívica na Coruña por uns servizos sociais 100% públicos
Marcha Cívica na Coruña por uns servizos sociais 100% públicos | Fonte: Anova.

Na Coruña, ducias de persoas participaron nunha mobilización que partiu do Obelisco ata a Delegación do Goberno en Galicia, nunha protesta convocada polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas, tamén en Pontevedra, Ferrol e Lugo, pola mañá, e en Vigo, Santiago e Ourense, para a tarde.

Paz González, membro de Modepen, explicou que, con iso, buscan "facer unha homenaxe a todas as vítimas da pandemia en residencias, onde houbo unha alta taxa de mortalidade, ao noso xuízo, evitable".

A iso, sumou a denuncia "sobre a precariedade dos servizos sociais a maiores e dependentes, altamente privatizados e moi escasos". "Con moi poucas prazas nas residencias de maiores, prazas que a maior parte son privadas", dixo, incidindo, a este respecto, en que en Galicia "o 77,9% son de titularidade privada e son carísimas".

A isto, sumou tamén as "pensións baixas" en Galicia, o que fai, remarcou, que estas residencias resulten "inasequibles a moita xente". Por outra banda, denunciou o "copago abusivo" ás persoas que teñen recoñecido algún grao de dependencia "e que teñen dereito a prazas financiadas". "A maior parte das veces supoñen o 70% dos ingresos desa persoa", apostilou.

SITUACIÓN NAS RESIDENCIAS

Como terceiro motivo da protesta, citou as denuncias por parte de familiares dos usuarios destas residencias sobre "a mala calidade que se presta". "Servizos escasos, caros e moi malos", dixo a representante de Modepen, quen reivindicou o dereito a "envellecer en casa" para o que reclamou servizos de asistencia a domicilio que agora considerou "escasos".

"A nosa reivindicación é por uns servizos sociais para maiores e dependentes totalmente públicos e universais", resumiu nunha marcha na que se podían ver pancartas coas lemas 'Loitemos polo común', 'Os pensionistas seguimos en loita' ou 'Servizos sociais 100% públicos'.

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

A protesta da Coruña contou coa presenza de representantes políticos como o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez; as concelleiras Avia Veira (BNG) e María García (Marea Atlántica) e o candidato de Marea Galeguista á Presidencia da Xunta, Pancho Casal.

Casal reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que dea "explicacións claras e concretas de que pasou nas residencias". "Por que 132 dos 300 mortos en residencias non foron trasladados nin a residencias medicalizadas nin aos hospitais", sinalou. Na mesma liña, remarcou que "case o 50% dos mortos en Galicia foron en residencias e, deles, o 90% en residencias privadas".

Por todos estes motivos, rexeitou que se manteña "o negocio cos coidados" e anunciou que pedirán que estes coidados no final da vida se recollan tanto na Constitución como no Estatuto de Autonomía.

Ademais, de obter representación nas próximas eleccións autonómicas, dixo que esixirán unha comisión de investigación para "aclarar o que pasou", engadiu sobre os falecidos nas residencias durante a pandemia. "Para pedir responsabilidades e para que non poida volver suceder", manifestou, insistindo en que isto é a "mellor" homenaxe ás vítimas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta