A Xunta insiste en ofrecer Galicia como destino "seguro" para os turistas

Ademais, o DOG publica este xoves o incremento das axudas para festivais de artes escénicas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2020 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Os establecementos hoteleiros galegos están a experimentar un cambio de tendencia tras a paralización dos últimos meses por mor da COVID-19 e, de face aos meses de verán, rexistran xa case cinco reservas por cada cancelación producida.

Así o explicou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que participou este xoves na xornada 'A crise da COVID-19 e o sector turístico galego: principais retos e liñas de actuación', organizada polo Goberno galego, o Grupo de investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo).

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que os esforzos levados a cabo polas empresas e particulares do sector, así como polas distintas administracións, "están a comezar a dar os seus froitos" coa reactivación das reservas.

Do mesmo xeito, puxo en valor as particularidades do turismo galego, especialmente no contexto actual, no que os visitantes "valoran cada vez máis" elementos como a natureza, a paisaxe, o patrimonio ou elementos diferenciais como o Camiño de Santiago, que conforman un modelo de "turismo de autor".

De feito, subliñou a necesidade de seguir potenciando estes valores, con cuestións como a sustentabilidade, a calidade, a proximidade e a tecnoloxía, ofrecendo experiencias "á medida de cada visitante".

DESTINO SEGURO

Na mesma liña, Román Rodríguez subliñou que a recuperación da confianza é "fundamental" para favorecer a reactivación desta industria, unha cuestión na que alentou a colaboración público privada á hora de adaptar os establecementos aos novos requirimentos de seguridade sanitaria.

Dentro desta cuestión, chamou a atención sobre a importancia do programa 'Galicia destino seguro', a través do que o Goberno galego inviste preto de oito millóns de euros en diferentes actuacións para impulsar Galicia como "un destino fiable e de calidade" a través de accións de información e formación ás empresas, asesoramento e apoio económico para axudar aos negocios a adaptarse ás novas esixencias.

O conselleiro de Cultura e Turismo participa na xornada.. Xunta de Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo participa na xornada.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

AXUDAS ARTES ESCÉNICAS

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a convocatoria anual de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas, que a Xunta dota con case 200.000 euros e que, nesta ocasión, adapta as bases para facilitar a súa celebración no contexto post COVID-19 e aumentar ata o 60% a contratación de compañías galegas.

En concreto, as axudas de 2020 impulsan a presenza de formacións galegas nos carteis, que agora deben supor un mínimo do 60% da contratación profesional artística do encontro ou do total das actuacións profesionais que ofreza --o ano pasado, a porcentaxe situábase no 20% e o 30%, respectivamente--.

As bases establecen, así mesmo, un aumento porcentual do orzamento que poden subvencionar os festivais a través desta convocatoria, que se eleva ata o 70% (85% no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais ou de entidades resultantes de fusión), fronte ao 50% de 2019.

Do mesmo xeito, modifícase tamén o mínimo de representacións con entrada de pago, que pasa do 50% de 2019 ao 30% da presente convocatoria. Como en anos anteriores, esta porcentaxe non será tido en conta para os festivais de rúa.

Convocadas anualmente pola Consellería de Cultura e Turismo, as subvencións a estes encontros de artes escénicas diríxense a entidades privadas ou administracións locais galegas organizadoras de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020. Deben contar cunha traxectoria de, polo menos, dúas edicións anteriores e ofrecer nos seus carteis un mínimo de seis compañías, entre outros requisitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta