Mobilizacións ante as sedes de BBVA e Abanca "contra os recortes laborais"

A CIG denuncia despedimentos ou eliminación dos servizos de caixa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

As seccións sindicais da CIG no BBVA e en Abanca realizaron este xoves senllas concentracións en oficinas das dúas entidades na cidade herculina para denunciar "os abusos patronais e os recortes de servizos á clientela que ambas as empresas están a impor aproveitando a situación de emerxencia sanitaria", explican nun comunicado.

A primeira protesta tivo lugar na oficina do BBVA do Cantón Pequeno para denunciar "o recorte ou eliminación do servizo de caixa decretado pola entidade durante a pandemia, pero que xa comunicou que se manterá de maneira permanente", sinala a central sindical.

"Estamos ante unha reestruturación que non foi nin comunicada nin negociada previamente coa representación social, a pesar de que afecta o emprego, a distribución do tempo de traballo, os salarios e as funcións", indicou Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG.

Neste sentido, asegurou que esta dixitalización forzosa da clientela afectará o emprego, "xa que naquelas oficinas nas que restrinxe o horario de atención ou se eliminan as caixas, haberá unha redución dos postos de traballo e o persoal terá que facer máis funcións de carácter comercial".

CONVENIO EN ABANCA

Posteriormente, os delegados e delegadas da central sindical trasladaron a protesta ante a oficina principal de Abanca, en Rúa Nova. "Aínda que nesta entidade tamén se comparte a problemática da redución dos horarios de caixa, coa mobilización quíxose poñer a atención nos recortes de dereitos, nos despedimentos en caixa xeral ou na negativa de Abanca a prorrogar a negociación do convenio colectivo".

Clodomiro Montero, secretario da sección sindical da CIG, apuntou que Abanca "suprimiu o rexistro horario, obrigando o persoal a realizar horas extra para atender o aumento da carga de traballo, que non se computan e, por tanto, nin se cotizan á Seguridade Social, nin se pagan, nin se compensan".

Tamén sostivo que se aplicou o teletraballo "con equipos non homologados para traballar toda a xornada, sen facer o rexistro, sen compensar os gastos e sen respectar o dereito á desconexión dixital".

Concentración de delegados e delegadas da CIG ante a sede do BBVA. CIG
Concentración de delegados e delegadas da CIG ante a sede do BBVA. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta