Osos e lobos, mitos da Galicia salvaxe e a súa difícil convivencia co mundo rural

A aparición de osos no macizo central de Ourense revelou que a especie pode estar recuperándose logo de estar ao bordo da extinción. O lobo ten a imaxe máis polémica, acusado de case todos os danos ao gando extensivo. Ambos animais representan dúas visións distintas da relación humano-animal salvaxe segundo recollemos nesta reportaxe.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 14/06/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O lobo era o animal satanizado por excelencia. Significaba todo o malo que saía dos montes por depredador de animais salvaxes ou domésticos e tamén de persoas. A tradición tanto oral como etnográfica foi recollendo toda unha serie de elementos relacionados con este cánido. O oso pola súa parte, aínda que tamén perseguido, foi menos odiado. Tamén deixou a súa pegada dentro da cultura e do agro co desenvolvemento de formas arquitectónicas para defenderse dos seus ataques. O retorno máis recente do oso e a presenza máis ampla do lobo, fai preguntarse cal será o futuro destes gandes depredadores en Galicia fronte ás explotacións agrarias e o abandono do rural.

Osos
Osos | Fonte: CSIC.

O RETORNO DO OSO

Entre a década dos setenta e os noventa do século vinte, a presenza de osos era testemuñal non só en Galicia, senón en todo o Cordal Cantábrico, o seu feudo durante séculos. “En concellos limítrofes coa parte dos Oscos en Asturias, como a Pontenova, había noticias de osos machos que viñan buscar femas” di Brais Álvarez do Sindicato Labrego Galego.

A actual convivencia co lobo fai temer que o oso poida acabar cunha inmerecida demonización e persecución por parte dos gandeiros e agricultores. “Non constan ataques de osos ao gando, creo que será máis fácil de xestionar que o tema do lobo” apunta Jacobo Feijóo de Unións Agrarias (UUAA).

Os dous sindicatos agrarios consultados, sinalan que se houbese un grande prexudicado pola presenza do plantígrado, sería o sector apícola. Xesús Asorei, da Asociación Galega de Apicultura (AGA) analiza a situación desde unha perspectiva de colaboración. “Estamos a favor da coexistencia, mesmo participamos no Proxecto Courel Oso Pardo” di Asorei. Este proxecto, entre outras inciativas, ten a de proporcionar aos apicultores pastores eléctricos para defenderen as súas colmeas. “Si hai ataques a colemas, son poucos, mais a administración debera axilizar o pagamento das indemnizacións”.

Lobos
Lobos | Fonte: Galipedia

A protección das colmeas fronte ao oso deixou pegada no patrimonio rural galego coas albarizas ou fortíns, muros circulares de pedra cunha altura considerable. “Existe esa cultura do oso como a cultura do lobo, só que o primeiro ten mellor prensa que o segundo” di Xabier Vázquez Pumariño, biólogo. “Quedan festas tradicionais na montaña luguesa, onde a imaxe deste animal non ten tan mala imaxe, é como unha festa de competición entre a forza do ser humano e a do oso, un ser case antropomórfico”.


LOBO, O INIMIGO

A supresión de hábitats naturais do lobo e a caza ou presión cara a súa extinción, fomentou segundo Vázquez Pumariño que este cánido salvaxe aumentara o número de ataques ao gando. “Os bosques abertos desaparecen, os espazos abertos onde cazaban fauna salvaxe tamén”. Entre esa fauna salvaxe estaba o xabaril, animal que agora lle é difícil cazar sobre todo en bosques pechados como os de eucalipto  polo aumento de matogueira entre as árbores.

O actual sistema de control para o lobo en Galicia depende dos tecores societarios de cazadores, segundo explica Jacobo Feijóo. Segundo o membro de UUAA isto dificulta a xestión acaída do depredador. “As batidas non son resolutivas, o que si vemos efectivo é a “espera”, o cazador agochado para abater o lobo cando pase”.

“Desde a Xunta existe unha ausencia de control sobre a situación do lobo, pedimos a elaboración dun censo de mandas para saber se o seu número aumentou” sinala Brais Álvarez, que tamén apunta os cambios dentro da cultura gandeira como outro elemento que modificou o comportamento do cánido. Entre eses cambios está o aumento de cabezas por explotación para facela rendible. “Antes o gando podía pasar a noite na casa do propietario por ser un número pequeño de cabezas, agora a rendibilidade pide maior número de exemplares”.

Preguntados os dous sindicatos sobre a posibilidade de que sexan cans asilvestrados os autores polo menos dalgúns ataques ao gando, a resposta é moi semellante. Jacobo Feijóo remarca que “os casos de lobos son moi claros porque os estudos tanto de ADN como a recollida de probas así o demostran”, mais en referencia a cans “os casos que ofrecen dúbidas para seren estudados segundo a canle de estudo do lobo non pasan do 5%”.

Desde o SLG apuntan a que “a Xunta xa non é que saiba ou non saiba xestionar, é que leva décadas sen ordenar o territorio para permitir a convivencia co lobo”. A caza deste animal para Brais Álvarez debera ser “ o último recurso para frear a súa presenza”. Por outra parte, o mesmo que opinan algúns sobre a presenza do oso, o lobo “tamén pode ser un atractibo turístico”.

Xavier Vázquez apunta que a presenza do lobo “permite o control de doenzas animais como a tuberculose bovina, porque elimina animais salvaxes enfermos que poden contaxiar o gando”. O caso é que para este biólogo tamén existen intereses como a percepción de axudas PAC, para a erradicación do lobo. “Sobre todo son aquelas persoas que máis axudas reciben da PAC e que só son propietarios, non agricultores”.

A solución para as dúas especies, lobo e oso, parecen pasar por aceptar a convivencia, moi difícil no primeiro caso, algo máis doada no segundo. O baleirado do rural, a modificación de hábitats e a redución da presión furtiva, permitiu o aumento das poboacións de lobos e osos. O caso é que semella necesaria unha regulamentación que permita unha convivencia pacífica entre o medio rural e a fauna salvaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

¿ E cantos osos debe hacer en Galicia ? ¿ Dous , tres, catro ? ¿ E tan difíucil, tan imposible que podan sobrevivir eiquí ? Non creo que sexa algo tan complicado. O malo é que algunha xente ainda está co chip de fai sesenta anos, e decontado vai dicir que o monte está todo cheo de feras salvaxes, etc, etc, e o mesmo rematan pegándolle un tiro .