A Xunta insiste en que centos de nenos vaian a campamentos e non a garderías porque “é máis seguro”

Feijóo defende a medida suliñando que directores de garderías lle transmitiron que só o 20-25% de pais lle transmitiu a necesidade de abrir os centros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/06/2020 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este domingo que centos de nenos coincidan en actividades comúns en campamentos de verán porque as actividades ao aire libre "son máis seguras", pero non en abrir as garderías infantís, tal e como piden asociacións, pais e mesmo partidos da oposición.

Neste sentido, defendeu esta posición asegurando que que, os nenos interactúan de “xeito diferente” en campamentos ao aire libre, que dentro de instalacións. Por iso, a Xunta insiste en manter abertos durante o verán os campamentos, con miles de prazas, e non as garderías infantís, que abrirán en setembro. “Abrir todo á vez no ámbito dos nenos parécenos moi arriscado”, suliñou.

Feijóo insistiu en que as garderías son “lugares pechados” e para nenos de 0 a 3 anos, mentres que os campamentos “son para nenos de máis de sete” e nos que hai protocolos de “limitación de aforo”. Referíase ás recomendacións publicadas pola Consellería de Política Social para as súas actividades, especialmente destinadas aos campamentos deste verán.

Con todo, este protocolo tamén recolle medidas para as actividades que se realizarán en espazos interiores nos que insiste en intensificar as medidas de seguridade, co uso de máscaras e distancias sociais de máis de 1,5 metros. Un documento que contradí o dito por Feijóo de que estes campamentos só se realizarán en espazos abertos.

Por iso, o presidente galego, utilizou outra argumentación para defender que a rapazada vaia a estes campamentos e non as garderías. “Tamén se nos trasladou, por parte dos directores de garderías, que non había demanda máis alá dun 20-25% de pais. Por iso pensamos que non hai que abrir as garderías e pedimos polo ben de profesores ver como evolucionan os rapaces en ámbitos abertos”, suliñou.

Nenos nunha escola infantil
Nenos nunha escola infantil | Fonte: centros.edu.xunta.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta