"Feijóo apostou a economía galega ó Xacobeo e agora atópase cunha pandemia que bloquea o turismo"

O doutor en economía Adrián Dios considera que o “monocultivo” que a Xunta fai do Ano Santo ten que ver coa ausencia dun plan para o desenvolvemento “a longo prazo” de Galicia. “Se investísemos máis en innovación e industria habería menos emigración”, apunta.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

A medio ano de comezar o primeiro Xacobeo nunha década, todas as previsións apuntan a que non se repetirán as cifras de crecemento de edicións pasadas. Detrás deste ‘bluf’ está, evidentemente, a pandemia da COVID-19. Á marxe de provocar unha crise “catastrófica”, o virus seguirá deixándose sentir nunha nova normalidade que afectará ó sector servizos e, sobre todo, ó turismo; que o terá moi difícil para convivir coas medidas de distanciamento esixidas polas autoridades.

Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021.. XUNTA DE GALICIA
Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021.. XUNTA DE GALICIA

As malas perspectivas do Ano Xubileu son un duro mazazo non só para os hostaleiros composteláns senón tamén para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que o ano pasado auguraba un “boom” económico no 2021 grazas ó empuxe do turismo. “Feijóo apostou o desenvolvemento da economía galega ó Xacobeo e agora atópase co tráfico aéreo internacional detido”, apunta Adrián Dios, doutor en Economía pola USC en declaracións a Galicia Confidencial. De aí que nos últimos dous meses o presidente popular xa explorara a posibilidade de estender o Ano Santo ata o 2022 escudándose nunha ampliación celebrada nos anos máis duros da Guerra Civil. 

UN SECTOR DE CRECEMENTO “LIMITADO”

“Dende as eleccións de 2016 é a súa única estratexia”, destaca o economista, que valora negativamente o “monocultivo” que o goberno autonómico fai do Xacobeo polo “perigo” que carrexa. “Todos os países desenvoltos diversifican a súa economía para minimizar riscos. A Xunta non só se concentra no turismo, senón que o fía todo a un ano, e se sae mal todo falla”, explica.  

Para o experto, porén, o auténtico problema de escoller o turismo como sector central é a “limitada capacidade de crecemento” que ofrece para o conxunto da economía. “O turismo, como actividade de baixo valor engadido, xera moito emprego pero non é capaz de arrastrar a outros sectores nesa melloría”, subliña.

Por iso Dios Vicente amosa a súa desconfianza coa medida estrela da Xunta: “pretenden encher Galicia de millóns de persoas como se iso fose a supoñer un punto de inflexión no noso desenvolvemento”, un plan que ve “con pouco futuro a longo prazo”. “O discurso da Xunta co Ano Santo lémbrame ó que tiñan os gobernos centrais co sector da construción antes da crise, cando dicían que era un puntal estratéxico”, compara.

I+D PARA FREAR A EMIGRACIÓN

O doutor en economía pola USC matiza que o camiño a tomar “non pasa por minimizar o papel da actividade turística” senón de orientar o investimento público á diversificación da economía galega. “Non ten sentido seguir apoiando un sector que, ademais das limitacións que ten, xa está moi ben posicionado a nivel internacional”. Dios Vicente, en concreto, chama a rematar coa terzarización de baixo valor engadido potenciando a innovación tecnolóxica no tecido industrial galego, que encadea décadas de retracción. “Se queremos crecemento a longo prazo temos que investir na nosa industria, como fai Alemaña”, apunta. 

A necesidade de apoiar un sector secundario “feble” e moi concentrado –“Alcoa é o metal, Inditex o téxtil, Citroën a automoción”- non só vén demostrada pola crise da COVID, ante a cal a dependencia do turismo nos fai especialmente vulnerables, segundo os expertos. “A falta de industria”, afirma Dios Vicente, “provoca unha bolsa de desemprego estrutural que remata na emigración”, un fenómeno que segue “moi presente” no mercado laboral galego. Segundo un estudo publicado na web statista, en 2019 Galicia aportou o 10% da migración saínte do conxunto do Estado malia representar apenas un 6% da poboación total. “Segue a pasar o que dicía Castelao: 'o galego non se queixa, emigra'”, lamenta o experto.

Para Dios Vicente, esta é unha situación que podería ser corrixida aumentando o investimento en I+D –“moito menor que a media do Estado e xa nin falar dos países nórdicos”- para potenciar puntais con maior capacidade de arrastre. “A construción de maquinaria pesada, por poñer un exemplo, serviría de apoio á industria do metal e as materias primas, entre outras”, ilustra o experto, que conclúe: “o gran problema da estratexia económica da Xunta é que non hai plan para evitar a emigración porque non se exploran máis posibilidades que o turismo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 MARIA A TIFOIDEA!!!

No medioevo... o chamado "medioevil" o camino de santiajo foi camino transmisor da pandemia PESTE BUBONICA... polo tanto pode ser sobre todo si ise camino comenza nas ruas de mandriles... enton serian moitos caminantes infectados! POR FAVOR TEÑEN QUE INFORMAR QUE AXENCIA EUROPEA DE METEROLOXIA PRONOSTICA MOITAS CHOIVAS E MAL TEMPO NO NORDE DE EXPAÑA!!!!

1 Realpolitik

O xacobeo do feijóo é a cidade da cultura do fraga: fume e despilfarro. Lamentablemente o dano xa está feito: a cultura galega está destruida e por riba a pouca que sobrevive está parasitada polo chiringuito pepeiro xacobeo. A complicidade da Igrexa (en Galiza, que non galega), a publicidade nos medios e unha oposición que ata lle nercou parte do discurso xacobeo ó narcopresidente fixeron o resto. Estamos vendidos e cunha PPandemia: a Xacoxunta.