Ciudadanos Galicia urxe a baixar ao 4% o IVE de máscaras e material sanitario contra a COVID-19

Beatriz Pino xustifícao na "obrigatoriedade de seguir usando" estes metariais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/06/2020 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

A portavoz de Ciudadanos Galicia, Beatriz Pino, reclama unha baixada do IVE ao tipo superreducido do 4 por cento para as máscaras e demais produtos sanitarios que protexan contra a COVID-19, ante a "obrigatoriedade de seguir usando" estes efectos en determinadas contornas e a pesar da entrada en nova normalidade.

A candidata de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino.
A candidata de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino.

A candidata do partido laranxa á Xunta pide aos galegos que "sigan sendo un exemplo" co "mesmo compromiso e responsabilidade" que ata agora, posto que "a saída do estado de alarma non supón o fin da crise sanitaria".

É precisamente por iso que, lembra Pino, Ciudadanos rexistrou no Congreso unha proposición non de lei na que pide a redución do IVE do 21 ao 4 por cento a produtos que sexan obrigatorios ou recomendables para a prevención de contaxios por COVID-19, entre eles as máscaras.

Neste sentido, a portavoz da formación liberal en Galicia reclama que, "polo menos, esa baixada do IVE se leve a cabo mentres o país está en situación de crise sanitaria". No caso concreto das máscaras, aposta por que este produto "esencial" debe ser adquirido a un "baixo prezo".

FEIJÓO

Doutra banda, Ciudadanos tachou de "irresponsable" ao presidente da Xunta de Galicia e cabeza de lista do PP ás próximas eleccións autonómicas, Alberto Nuñez Feijóo, por pedir ao Goberno central que se poida limitar a mobilidade dos cidadáns unha vez finalizado o estado de alarma para que, se xorde un foco de infección do coronavirus nun determinado territorio, os seus habitantes non se poidan desprazar a outros lugares.

"Creo que ese tipo de declaracións sobran na situación na que estamos", declarou a portavoz da Executiva de Cs, Melisa Rodríguez, nunha rolda de prensa telemática na sede do partido, sinalando que "o turismo interior vai ser clave na tempada de verán" para reactivar a economía. Ao seu xuízo, o que se necesita é prudencia e que todos os cidadáns sexan responsables.

Pola súa banda, a candidata da formación laranxa á Presidencia da Xunta, Beatriz Pino, publicou un vídeo na súa conta de Twitter onde afirmou que a proposta de Feijóo --que trasladou o domingo ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a necesidade de establecer reformas legais para poder controlar a mobilidade ante posibles rebrotes sen recorrer ao estado de alarma-- é "unha auténtica irresponsabilidade" e, por iso, instouno a rectificar.

SUPÓN "ESTIGMATIZAR" A QUEN VISITEN GALICIA

"Está a alentarse á xente a sinalar a todo aquel acento que non sexa galego, a todo aquel que se considere que non vive en Galicia", de forma que "se estigmatice dalgún modo a todo aquel que queira visitarnos e que se considere que pode vir infectarnos", manifestou.

Tras afirmar que o galego é un pobo "cariñoso e acolledor" que recibe ao que vén de fóra, Pino pediu ao presidente da Xunta que non xogue "con algo tan delicado como é a convivencia" pondo "etiquetas sociais", e subliñou a importancia de "pór facilidades, non trabas", á chegada de turistas doutras partes de España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta