Jácome valora como "xenial" a xestión do seu primeiro ano como alcalde: "Un nove rotundo"

A oposición sostén que "non fixo nada" e cuéstionase "como pode seguir gobernando a cidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2020 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valorou este luns como "xenial" a xestión do seu primeiro ano á fronte do goberno municipal que, ao seu xuízo, saldouse cunha nota de "nove rotundo" porque "se sentaron as bases para que todo empece a florecer".

Así o manifestou na súa comparecencia en rolda de prensa este luns para repasar o seu primeiro ano de goberno á fronte do Concello de Ourense. "Cando chegamos atopámonos co concello máis paralizado de España, todo era un caos e agora estámolo atallando", explicou o alcalde, líder de Democracia Ourensana e que goberna en coalición co Partido Popular, formación que rexeu a capital ourensá ata o ano pasado.

Neste sentido, Pérez Jácome sostivo que existe unha "falacia" cando a xente di que "aínda non ve resultados" despois do seu primeiro ano de xestión. "Non se nota porque todo leva un proceso burocrático, pero os froitos físicos vanse ver xa", expresou.

Neste contexto, explicou que "en materia de rendibilidade" o concello aforra "cantidades enormes de diñeiro" grazas a que el "sempre apostou pola importancia de ter un staff propio, máis que un sistema funcionarial". "Esa figura que tanto se critica desde fóra, a dos asesores, realmente o que fan son labores de xestión que permiten aforrar auditorías externas moi caras", aclarou.

En concreto, expresou que "se salvaron máis de vinte xubilacións co traballo deste persoal de confianza". "Desde que eu son alcalde vemos que estamos a funcionar con moita menos xente que cando eu entrei", afirmou. "Solucionamos o auténtico Sudoku de como encaixar os proxectos futuros desta cidade sen que lle custase un euro en asesorías ao Concello de Ourense grazas a facelo todo nós", continuou.

BALANCE ANUAL

O rexedor ourensán tamén realizou un repaso polas principais cuestións municipais deste ano de mandato, entre as que citou as axudas que o concello ten previsto conceder aos autónomos, pemes e pequeno comercio da cidade, cun orzamento de 20 millóns de euros.

Jácome asegurou que se trata da "maior subvención que se dá nun concello de España, en relación á renda per cápita por cidadán". "Ninguén nun concello de 100.000 habitantes dá tanto diñeiro como imos dar nós", sinalou.

Con respecto ao parque acuático termal, Pérez Jácome anunciou que "en breve" se procederá á demolición do matadoiro, para establecelo nesta localización. Tamén anunciou que "nas próximas dúas semanas" se contratará a un arquitecto para "empezar a redactar o proxecto para a licitación do antigo cárcere e a súa recuperación para uso municipal".

En canto ao centro de Intelixencia Artificial, puxo en valor que "xa se publicou o proceso de contratación do director" e que "xa se está falando de 40 contratos nesta primeira quenda que se converterán, finalmente, en varios centenares" co obxectivo de converter o centro no mellor do Estado español".

Sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), Pérez Jácome afirmou que "no mes de xullo terá o enfoque definitivo despois de tantos anos" e en referencia a outro gran proxecto, o da Praza de Abastos, lembrou que "antes todo estaba parado e agora está en marcha".

OPOSICIÓN

Por outra banda, a oposición tamén compareceu este luns para valorar os primeiros 365 días de goberno de Gonzalo Pérez Jácome, que cren que tiveron como fío condutor a "nula capacidade de xestión" do rexedor. En concreto, o portavoz municipal de Ciudadanos, José Araújo, usou unhas palabras pronunciadas en numerosas ocasións polo rexedor ourensán como son "o medible non é opinable" para dicir que "a nada sería a xestión dun ano de goberno".

Así, desde Ciudadanos manifestaron a súa "sorpresa" ante o feito de que "este home siga gobernando a cidade" e remontáronse aos inicios deste goberno municipal para lembrar que comezou cunha "traizón" de Jácome aos seus electores despois de que "o PP decidise comprar a DO".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Xacome ten dous problemas. Non ten aboa, e non sabe nada. Xa que logo, ten que facerse autobombo, e contratar ( a prezo de ouro ) a asesores que fagan todo o que él non sabe ( que é case todo ). Cada vez que abre a boca amosa que non ten idea de nada, e so sabe decir simplezas. E coma certo presidente americano, pero mais baixiño.