O Concello de Pontevedra aproba un plan económico tras incumprir a regra de gasto

O goberno local destaca que o incumprimento foi "puntual" e que a "saúde" económica da cidade "é sólida"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2020 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Os votos a favor do grupo de goberno en Pontevedra, formado pola alianza de BNG e PSdeG, permitiron este luns a aprobación no pleno municipal do Plan Económico-Financeiro (PEF) que tivo que elaborar o Executivo local pontevedrés por incumprir a regra de gasto da denominada Lei de Estabilidade Orzamentaria, coñecida como 'Lei Montoro'.

O documento contou coa abstención dos partidos da oposición, PP e Ciudadanos nunha sesión plenaria á que asistiron presencialmente todos os membros da corporación local, salvo tres edís.

Na súa intervención o concelleiro de Facenda, Raimundo González, destacou que o plan elaborado "cumpre todos os requisitos que marca a lei" e, tras definir o incumprimento como "conxuntural, nada estrutural, nada grave", concluíu que "a saúde económica do concello é sólida".

O edil nacionalista insistiu en que tanto o Plan como os informes de Intervención constatan esa boa saúde económica e lembra que a pesar de que nas contas do ano pasado superaron a regra de gasto en 2,6 millóns, o exercicio terminou cun superávit de case 5 millóns de euros, de modo que era necesario elaborar este documento porque é un "requisito formal" que marca a lei, pero non é necesario adoptar ningunha medida.

O edil de Facenda, Raimundo González, explicou que o concello incumpriu a norma de gasto nuns 2,6 millóns de euros por un aumento na execución do orzamento, algo que non supuxo incorrer en déficit ou en gastar máis do ingresado.

Con todo, o portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, recriminou ao Goberno local que "algo non se está facendo ben" cando se incumpren as normas de gasto e vaticinou que esta situación creará unha situación "dobremente agravada" que, segundo asegurou, obrigará a incrementar a presión fiscal, entre outras cuestións.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta