Sogama licita a recuperación do vidro con punto verde depositado na bolsa negra

A empresa pública busca pór en valor un material 100% reciclable.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

Sogama licitou por 3.060.000 euros a recuperación do vidro con punto verde contido no material inerte seleccionado na planta de reciclaxe e que, por tanto, foi incorrectamente depositado polo cidadán na bolsa negra (fracción resto), cando o seu destino debería ser o iglú verde.

Diso informou a empresa pública nun comunicado, no que destaca que con esta medida busca pór en valor un material 100% reciclable e que responde perfectamente os preceptos da economía circular.

Sogama detallou que o labor do adxudicatario inclúe a carga do material no depósito de inertes e transporte ata as instalacións de tratamento, onde se procederá á separación dos residuos de envases de vidro con punto verde do resto de materiais, garantindo así o cumprimento das especificacións de calidade necesarias que permitan a súa posterior recuperación.

ACREDITACIÓN DA RASTREXABILIDADE

A empresa pública sinalou que a recuperación final do vidro retirado será acreditada a través dos correspondentes certificados expedidos pola vidreira ou planta recicladora autorizada, dando conta da rastrexabilidade do material.

Ademais, co obxectivo de garantir a viabilidade do contrato, a cantidade anual que, como máximo, poderá certificarse para o seu abono ascende a 18.000 toneladas e, a mínima, a 9.000 toneladas. O incumprimento deste obxectivo facultará a Sogama a resolver o contrato anticipadamente e a aplicar as penalizacións contempladas no prego de condicións.

A entidade auditora será designada por Ecovidrio e unicamente achegará os datos que sexan estritamente necesarios para os fins legais referenciados. O contrato, estipulado inicialmente para tres anos, contempla unha prórroga dunha anualidade. O prazo de entrega de ofertas finaliza o próximo 10 de xullo, ás 14,00 horas.

Imaxe do vidro entre os materiais inertes. SOGAMA
Imaxe do vidro entre os materiais inertes. SOGAMA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta