Temas: MAR PESCA BREXIT

Galicia sela unha nova declaración a prol das comunidades pesqueiras no Brexit ante a falla de avances

O documento, asinado por Feijóo, remitirase a autoridades europeas en defensa da pesca como "liña vermella".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/06/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Galicia selou este martes unha segunda declaración en favor das comunidades pesqueiras no marco das negociacións ante o Brexit, nun documento que agora se remitirá a todos as autoridades locais, rexionais e dos Estados da UE para que "se solidaricen" co sector.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na firma dunha declaración sobre o Brexit
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na firma dunha declaración sobre o Brexit | Fonte: Xunta.

En outubro de 2017, Galicia asinou a chamada declaración de Santiago, que agora volve repetirse coa rúbrica do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o apoio de "todo" o sector pesqueiro galego para facer forza en defensa dos seus intereses nas negociacións.

Tras a firma desta segunda declaración de Santiago, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou que esta iniciativa se debe a que "tras unha cuarta rolda de negociacións, as cousas non avanzan ao ritmo que nos gustarían".

"Por iso, todo o sector pesqueiro e os representantes da Alianza Pesqueira Europa (EUFA) entenderon que era necesario darlle de novo un apoio unánime ao comisionado o señor (Michel) Barnier, que é o responsable nomeado pola UE para a negociación co Reino Unido", explica.

Remarca que Galicia impulsa esta declaración como "primeira rexión pesqueira da UE", no que cualifica como un "día importante para Galicia" co fin de deixar claro que a pesca ten que ser unha "liña vermella" nas negociacións do Brexit.

O Brexit afecta a un cento de buques galegos ou propiedade de armadores do país que faenan en augas británicas e que dan traballo a máis de 1.700 tripulantes.

O obxectivo é que se consiga un acordo de retirada "no que se manteña o statu quo, onde haxa unha liberdade de acceso ao mercado por parte do Reino Unido e unha liberdade de acceso ás augas como veu traballando nos últimos anos".

Quintana agradece que o sector pesqueiro de Galicia "manteña esta unidade" e "este compromiso", mentres resalta que "foi a rexión que máis documentos, argumentos e traballos se fixeron en defensa do sector".

Así, trasládase a Barnier que se segue "apoiando" o "esforzo que está a facer". "Agradecémoslle o esforzo que está a facer para seguir mantendo a pesca como esa liña vermella que non se debe abandonar no encontro de retirada", indica a conselleira do Mar.

INFORME 

O último informe encargado pola Xunta ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre as relacións pesqueiras entre a UE e Reino Unido tras o Brexit conclúe que, se non hai acordo, dificultaríase a descarga de produtos pesqueiros nos portos de ambas as partes e derivaría en trabas administrativas, arancelarias e sanitarias.

A aposta recollida no informe é manter unhas relacións similares ás actuais, pero encadradas no dereito internacional. A clave é, a xuízo do instituto, lograr un equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e ao mercado.

Temas: MAR PESCA BREXIT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta