Feijóo nega "madrileñofobia": "que veñan, non quince días, se poden vir 30 ou un mes e medio, mellor"

Vox carga contra o presidente da Xunta, ao que atribúe un "nacionalismo excluínte".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2020 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, negou este martes que na Comunidade haxa "madrileñofobia" e lamentou que se "intoxique" coas súas palabras en relación ás restricións de mobilidade que debería haber entre territorios para garantir a saúde pública no marco da desescalada pola pandemia do coronavirus.

Baixo o seu punto de vista, "hai xente que usa a pandemia para crear divisións entre españois". "E eu asegúrolle que aquí calquera español será ben recibido", advertiu o mandatario galego, en declaracións aos medios en Santiago, antes de remarcar que o único que pretende a Xunta é que os turistas "veñan con seguridade". A "mesma seguridade" que, engadiu, queren ter os galegos que están fóra da Comunidade. De feito, subliñou que son "moitos" os galegos que viven ou viviron en Madrid, como el mesmo.

Así, circunscribiu as súas palabras sobre as restricións de mobilidade ao deber dos presidentes autonómicos de velar pola seguridade sanitaria dos seus veciños. "Se se pon en perigo a saúde pública dos cidadáns, temos que actuar; se non o facemos, estariamos nun suposto de irresponsabilidade", apostilou. Con todo, percibiu que "hai algún interese en intoxicar sobre determinadas formulacións de Galicia con outras comunidades e, en concreto, en relación con Madrid".

GALICIA "QUERE QUE VEÑAN" OS MADRILEÑOS

Por iso, afirmou que quere "deixar claro" que Galicia "quere e necesita o turismo, e moi especialmente o turismo de maior competencia e de maior valor engadido, que é o das persoas que veñen de Madrid de visita e teñen as súas casas aquí".

"Queremos que volvan, que veñan e que estean connosco, como non", dixo o presidente galego. "Volvemos convidalos e dicirlles que veñan, non quince días, se poden vir 30 ou un mes e medio, mellor", engadiu máis tarde, antes de precisar que esta invitación é "perfectamente compatible" con dicir que, se houbese brotes "nunha zona, nun hospital, un barrio ou unha cidade", habería que actuar "polo ben de todos" e "manter a saúde pública".

"Pediría que non se faga demagoxia coa saúde. O que pretendemos é que veñan cantas máis xentes mellor a Galicia e que teñamos garantía de saúde pública en todos os territorios que conforman o noso país", esgrimiu o presidente.

A "DOAZÓN" DE RESPIRADORES, PROBA DO "COMPROMISO" CON MADRID

Nas súas declaracións, Feijóo lembrou que, durante a pandemia, Galicia "doou" respiradores a Madrid, o que lle custou críticas por parte de determinados partidos. Ao seu modo de ver, esa "doazón" de respiradores "sen saber" se "farían falta" na Comunidade evidencia o "compromiso" de Galicia cos madrileños.

POLÉMICA

As palabras de Feijóo xeraron unha polémica na que entraron con dureza dirixentes de Vox, por exemplo, que atribuíron ao tamén líder do PP galego e candidato á reelección un "nacionalismo excluínte".

Así mesmo, pronunciáronse dirixentes do seu partido como a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, quen asegurou sentirse "doída" pola "madrileñofobia".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA

Pola súa banda, a conselleira de Cultura e Turismo da Comunidade de Madrid, Marta Rivera de la Cruz (Ciudadanos), rexeitou este martes as manifestacións contra a mobilidade dos madrileños, que cualificou de "perigosas", e que se estea "estendendo a sombra da sospeita sobre toda unha comunidade autónoma que demais agora mesmo ten a pandemia razoablemente controlada".

O lehendakari, Iñigo Urkullu, afirmou que non cre que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, teña "ningunha prevención" contras os cidadáns doutras comunidades autónomas.

O alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, e a vicealcaldesa, Begoña Villacís, condenaron este martes a "madrileñofobia". Sobre as declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, Almeida ve "un exercicio de prudencia e non de madrileñofobia". Martínez-Almeida sinalou que a capital seguirá sendo "tan aberta e tan xenerosa con quen sexa". "Por moitos que queiran ter madrileñofobia nós non teremos fobia a ninguén", concluíu

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Que non veñan os infectados!!!!

1 DonPimpón

Emmmm... apelamos á responsabilidade persoal dos visitantes e anfitrións... veremos que ocorre. De momento vai gañando a irresponsabilidade coas escapadas antes de tempo.