Temas: FRASEOLOXíA

Paremias e expresións galegas equivalentes á castelá “las prisas son malas consejeras” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 21/06/2020 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

Tal e como adiantabamos na entrega precedente, hai certos contextos comunicativos nos que poden confluír –ou, se se prefire, nos que son susceptibles de seren empregadas– tanto as paremias e expresións reflectidas nela coma as que imos ver no presente artigo, que basicamente se veñen a corresponder coa castelá las prisas son malas consejeras e que imos dividir en dúas partes dada a cantidade de xeitos de dicir que, tanto en galego coma en castelán, inciden na idea de que máis vale facer as cousas amodo e ben ca non rápido e con chatas. Imos aló, pois:

A carreira pedestre de San Martiño, un referente en Galicia.
A carreira pedestre de San Martiño, un referente en Galicia.

Las prisas son malas consejeras

Las prisas nunca fueron buenas

{= Expresións con que se dá a entender que é mellor actuar sen precipitación, con que se manifesta que as cousas saen mellor facéndoas ó xeito e con tempo ca facéndoas á présa e atrapalladamente.}

As présas nunca foron boas # nunca son boas

As présas non son boas conselleiras

As présas son malas conselleiras

As présas non son boas

A gata, coas présas, pariu os fillos cegos

A gata, coas présas, pariu os gatos cegos

A gata, co apuro, trouxo os fillos cegos

Gatos fogosos crían fillos cegos

Ex.: Con tu currículum, y aunque sé que tienes muchas ganas de empezar a ganar dinero, no aceptes la primera oferta que te llegue sin más, que las prisas son malas consejeras.

Co teu currículo, e inda que sei que tes moitas ganas de comezar a gañar diñeiro, non aceptes a primeira oferta que che chegue sen máis, que as présas nunca foron boas que as présas non son boas conselleiras que a gata, coas présas, pariu os fillos cegos que a gata, coas présas, pariu os gatos cegos que a gata, co apuro, trouxo os fillos cegos que gatos fogosos crían fillos cegos.

● Tamén, nesta mesma liña:

Quien caminando lleva priesa, en camino llano tropieza

Quen anda á présa tropeza && Quen leva présa, no bo camiño tropeza && Quen camiña de présa leva moito adiantado para afociñar # para esvarar && Os apurados morren afogados && A présa é a nai da imperfección

● E mais tamén, en contextos, e incidindo nunha mensaxe semellante:

Despacito se va lejos && Piano, piano, se anda lejos && Poco a poco se anda todo && Paso a paso se va (a) lejos && Poco a poco se va lejos, y corriendo, a mal lugar

Amodiño chégase antes && Devagar chégase a lonxe && Pouco a pouco chégase (a) lonxe && Amodiño, amodiño, ándase mellor o camiño # faise mellor o camiño && Paso/Pasiño a pasiño faise o camiño && Pouco/Pouquiño a pouquiño faise o camiño && Paso/Pasiño a pasiño vaise andando camiño && A pasiño de galiña chegou a Roma a miña veciña && Pouco e pouco vaise ó souto && Pouco a pouco chegaremos antes && Pouquiño a pouquiño vaise (a) lonxe && Camiña devagariño e andarás moito camiño && Pouco a pouco vaise (a) lonxe, e correndo, mal lugar

NOTAS:

1. A expresión quen anda á présa tropeza está recolleita con seseo, de tal xeito que acaba conformando unha rima consonante: quen anda á présa tropesa.

2. Lembremos que a locución adverbial de présa (que aparece nas expresións quen camiña de présa leva moito adiantado para afociñar # para esvarar) non aparece recolleita a día de hoxe no DRAG, no cal se reflicte, entre outras, a probablemente máis documentada (e penso que moito máis usada, polo menos se me guío pola miña experiencia persoal) á présa.

Sen embargo, e inda tendo menor uso, trátase dunha locución que tamén presenta un número significativo de rexistros (xa a recolle, por exemplo, Juan Sobreira Salgado no século XVIII), tanto en obras de carácter léxico coma literarias, polo que non é en absoluto descartable que nun futuro acabe sendo incorporada á dita obra normativa.

3. Pola súa banda, as expresións paso a pasiño fai o camiño, pouco a pouquiño faise o camiño, paso a pasiño vaise andando camiño e mais pouco e pouco vaise ó souto son susceptibles de compartir, en certos contextos, espazos de uso coas expresións equivalentes á paremia castelá un grano no hace granero, pero ayuda al compañero, que veremos no seu día.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Euclides Lazzarotto

Excelente artigo. Em português: A pressa é a inimiga da perfeição. Cadela apressada pariu os cachorros cegos. Quem em caminho leva pressa, no chão tropeça. Apressado come cru. Devagar se vai ao longe. Passo a passo se anda um bom pedaço.