Varios concellos de Ferrolterra acordan non abrirán as súas piscinas este verán

Optan polo peche para garantir a seguridade dos posibles usuarios ante a dificultade para "cumprir os protocolos e normas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Os concellos coruñeses da Capela, Cerdido, Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, todos eles na comarca de Ferrolterra, decidiron, de maneira unánime, non abrir este verán as súas piscinas municipais, dadas as circunstancias xeradas pola pandemia da COVID-19.

A través dun comunicado, os alcaldes destes municipios aseguran que adoptan este acordo tras analizar entre todos o contido dos protocolos redactados polo Ministerio de Sanidade e a normativa aprobada pola Xunta de Galicia, documentos nos que se establecen "unhas condicións que os concellos dificilmente poden asumir nin tampouco garantir o seu cumprimento".

Nesta decisión, tomada por mutuo acordo dos diferentes alcaldes, decidiuse "dar prioridade á seguridade dos veciños que acoden ás piscinas municipais, pero tamén se tivo en conta a imposibilidade de que estas instalacións de lecer cumpran o seu obxectivo fundamental no verán, como é que as persoas poidan gozar dun momento de tranquilidade".

ALTERACIÓN DO USO

Aseguran que "a aplicación das medidas preventivas interrompería o uso das instalacións varias veces na xornada polos continuos labores de desinfección e limpeza, que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de uso doutras dependencias imprescindibles como aseos, duchas e vestiarios".

Os rexedores sosteñen que se valorou tamén "o prexuízo que causan as continuas achegas de auga e cloración que se deberán facer e o uso permanente de desinfectantes".

Imaxe de recurso dunha piscina pública. CONCELLO DE MADRID
Imaxe de recurso dunha piscina pública. CONCELLO DE MADRID

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta