Por E.P. | A CORUÑA | 17/06/2020 | Actualizada ás 13:45
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, defendeu que o proxecto de remodelación dos Cantóns é "estritamente municipal" tras a reprobación da Xunta Electoral de Zona por presentar o plan en período preelectoral, aínda que precisou que "acata e respecta" a decisión.
A rexedora afirmou, en declaracións a medios de comunicación coincidindo coa súa presenza na inauguración dunha exposición sobre o Real Club Deportivo, que o proxecto urbanístico para a zona centro da cidade "era coñecido" e "xa estaba anunciado".
Por iso, expuxo que o Concello presentou alegacións ante a Xunta Electoral de Zona que, admitiu, foron desestimadas. Rey insistiu, ademais, en que "sempre" respecta as decisións dos xuíces.
A Xunta Electoral de Zona reprobou ao goberno municipal da Coruña por presentar o proxecto de remodelación dos Cantóns ao entender que excede dunha "información puntual e electoralmente aséptica".
Tras unha denuncia presentada por Marea Atlántica, a Xunta Electoral considerou que a presentación do proxecto supuxo "un acto tendente á captación do voto". "Non é unha obra de inminente execución", apuntou, aludindo aos prazos barallados para a súa posta en marcha.
Ademais, sostivo que a actividade realizada desde o grupo de goberno a este respecto "excede dunha información puntual e electoralmente aséptica, facéndose un extenso alarde de virtudes do proxecto/iniciativa/ estudo previo e con claro protagonismo da señora alcaldesa, que é unha persoa significada nun partido concorrente ao proceso electoral" do 12 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.