Gonzalo Caballero promete un plan para que os mozos "sigan vivindo no país"

Reclama a Feijóo que deixe de ser "un mero observador" no conflito de Alu Ibérica.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/06/2020 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, prometeu activar un plan "transversal" para mozos con medidas de emprego, formación e vivenda para conseguir que "sigan vivindo no país".

O secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, xunto a membros da candidatura pola provincia da Coruña nas eleccións do 12 de xullo
O secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, xunto a membros da candidatura pola provincia da Coruña nas eleccións do 12 de xullo | Fonte: PSdeG.

"Cada vez que un mozo marcha do país, Galicia perde forza", lamentou na presentación da candidatura ás eleccións do 12 de xullo pola provincia da Coruña.

"Non queremos que un só mozo deixe Galicia por cuestións de emprego, de formación, do seu futuro", subliñou Caballero, que avogou por activar un plan de retorno xuvenil e de captación de talento na próxima lexislatura.

Ademais, cualificou a taxa do 28% de desemprego xuvenil de "moi elevada" e resaltou que "miles" de mozos abandonaron Galicia nos últimos anos.

Ao fío diso, o candidato socialista á presidencia da Xunta acusou o Goberno galego de "destruír" no últimos once anos 70.000 postos de traballo e de realizar un gasto en vivenda "ínfimo".

Xunto a medidas destinadas aos mozos, comprometeuse tamén a apostar pola "defensa da sanidade" e pola "atención aos maiores" para dar "prosperidade e posibilidades de futuro" a Galicia.

ALU IBÉRICA

Caballero tamén pediu ao presidente da Xunta que deixe de ser "un mero observador" no conflito de Alu Ibérica: "A política industrial de Fejióo é cero, cero, cero", dixo.

Así, mostrou o seu "compromiso pleno" co mantemento do emprego na planta coruñesa e afirmou que a liña de contacto co Ministerio de Industria é "continua". No entanto, apuntou que a Xunta é "competente en política industrial", polo que reclamou que actúe ante o peche das instalacións.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE acusou, ademais, a Feijóo de ir este xoves a Ferrol a "sacarse a foto" en Navantia Fene, onde se asina un contrato sobre enerxía eólica mariña, xa que, dixo, "non tomou nin unha medida de apoio" ás renovables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta