O PPdeG anuncia unha campaña "máis dixital e máis audiovisual" que comeza o próximo domingo

O secretario xerla do PPdeG, Miguel Tellado, salientou a renuncia de Feijóo a unha precampaña electoral de trinta días para "centrarse na pandemia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2020 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O PP galego retomará este domingo os actos electorais ás portas do arranque da campaña que desembocará nas urnas o próximo 12 de xullo, un esprint final que os populares anticipan "moi distinto" e afastado dos mitins tradicionais, posto que se coidarán ao máximo as medidas de seguridade e apostarase máis polos contidos dixitais e audiovisuais.

Aínda que voces da oposición xa puxeron o foco en que, a pesar de que asegurou que non faría actos de precampaña, o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, protagonizará o domingo, coa presenza de Pablo Casado, a presentación dos candidatos populares ao 12-J, Tellado resaltou que o dos Peares "renunciou a 30 días de precampaña para centrarse na xestión da pandemia".

"Hoxe cúmprese un mes desde que se convocaron as eleccións, un mes no que o PPdeG non tivo nin un só acto de carácter electoral. Mesmo manifestamos a nosa vontade de reducir a campaña (de quince días a unha semana), pero a nosa proposta foi contestada por parte de partidos da oposición mesmo con insultos", lamentou.

Fronte a un Feijóo centrado na xestión, Tellado salientou que as forzas da oposición "dedicáronse a facer campaña". "Non a interromperon nin un só día, presentaron programas, candidaturas, e fixeron actos sectoriais e con alcaldes. Desde o PPdeG respectamos a súa estratexia electoral, aínda que non a compartiamos, como defendidos desde un primeiro momento", contrapuxo.

Ao tempo, asegurou que agora os populares retoman a actividade electoral "no mesmo punto no que a deixaron en marzo", cando se suspenderon os comicios a causa do pico da pandemia do coronavirus a falta dunha semana para que se celebrase a cita coas urnas do 5 de abril.

"Pois nese mesmo punto, volverá haber axenda de partido", dixo Tellado, quen, preguntado posteriormente, asegurou que ata o arranque formal da campaña, aínda que haberá "algunha actividade" de carácter orgánico, os populares seguirán priorizando a xestión.

"ACTO INNOVADOR" CON CASADO

Nesta conxuntura, o PPdeG prepárase para protagonizar o domingo "un acto innovador" que "reflectirá en boa medida" a filosofía de "unha campaña diferente", na que a formación que dirixe Feijóo "priorizará a seguridade". "Será unha campaña máis dixital e audiovisual, aínda que seguiremos igual de pegados ao territorio que sempre", precisou Tellado.

As novas tecnoloxías e a presenza nos distintos territorios poderase ver xa no acto do domingo, un evento "con cinco sedes distintas pero sempre conectadas". E é que, se Feijóo e Casado intervirán desde Santiago, tamén haberá participación das cabezas de cartel desde os seus respectivos territorios.

"Galicia é para nós unha cidade única de 2,7 millóns de habitantes", esgrimiu Tellado, quen lembrou que, igual que durante o pico da pandemia "a tecnoloxía serviu para unir" aos cidadáns, os populares aspiran a seguir utilizándoa "de forma prudente e responsable" para chegar "a cada punto de Galicia".

PARTICIPACIÓN ACTIVA DE CASADO E RAJOY

"Non será preciso acudir aos nosos actos porque estaremos en casa de todos os galegos a través da tecnoloxía e retransmisións en directo a través das distintas redes sociais", garantiu, antes de ratificar que tanto Casado como o expresidente do Goberno e presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy, terán unha participación activa na campaña, aínda que non concretou en que actos.

En resumo, Tellado concluíu que o PPdeG articulará unha campaña "diferente", sen renunciar "á proximidade coa xente" pero actuando "coa prudencia e responsabilidade que aconsellan os protocolos". "Non será unha campaña de grandes actos, senón de moitos máis actos e pequenos", concluíu o dirixente popular.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na rolda de prensa. PPDEG - Arquivo
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na rolda de prensa. PPDEG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PepeiroVoxemita

Agora so lles falta dicir a verdade. Que ben!, cada vez nos queda menos para librarnos do narcopresidente e da súa pandilla de liberais "chupópteros" do erario público