BNG súmase á petición para que o Congreso investigue a responsabilidade de Felipe González nos GAL

Todas as formacións nacionalistas e independentistas uniron forzas na Cámara Baixa, onde este xoves formalizaron a iniciativa.

Por E.P. | MADRID | 18/06/2020 | Actualizada ás 21:42

Comparte esta noticia

EH Bildu conseguiu a firma do PNV, ERC, Junts, a CUP e o BNG para rexistrar conxuntamente no Congreso a petición de creación dunha comisión de investigación que esclareza "as responsabilidades e vínculos" entre o Grupo Antiterrorista de Liberación (GAL) e os Gobernos presididos polo socialista Felipe González entre 1982 e 1996.

A coalición abertzale rexistrou o pasado luns a petición de comparecencia do propio González e do ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, para que desen conta ante a Cámara da información desvelada tras a desclasificación de documentos da axencia de intelixencia estadounidense (CIA), datados en 1984, que sinalan o expresidente do Goberno como responsable da creación dos GAL.

Tamén anunciaron entón que falarían con outros grupos para pedir senllas comisións de investigación sobre este asunto no Congreso e o Senado. De momento, todas as formacións nacionalistas e independentistas xa uniron forzas na Cámara Baixa, onde este xoves formalizaron a iniciativa.

En concreto, solicitan que o Congreso investigue a "veracidade dos documentos desclasificados da CIA", a implicación de González na creación dos GAL, se era coñecedor das súas accións, a posible participación dos seus gobernos e autoridades no grupo armado, as "influencias e presións" exercidas por membros do Executivo e outras autoridades para o non esclarecemento da trama e "as responsabilidades políticas" de González e outros cargos gobernamentais na creación de grupo e nas súas actuacións.

Os asinantes da iniciativa lembran que en 1995 o Senado abriu unha investigación sobre este asunto, pero o Parlamento xamais chegou a investigar nin emitir informe ningún e subliñan que chegou o momento de arroxar luz sobre "unha pasaxe da historia máis negra do Estado español que non pode seguir no escurantismo e a impunidade".

CASO XULGADO E SENTENCIADO

No entanto, os atentados dos GAL si foron investigados pola Xustiza, que ditou sentenzas polas que foron condenados a prisión, entre outros, o exministro do Interior socialista José Barrionuevo e o seu secretario de Estado de Seguridade, Rafael Vera.

A comisión de investigación deberá pasar primeiro pola Mesa do Congreso, encargada de decidir se cumpre os requisitos regulamentarios para ser tramitada. En caso afirmativo, a Xunta de Portavoces será a encargada de poñer data ao debate no Pleno do Congreso.

O ex presidente fel Goberno Felipe González á saída do acto conmemorativo do 40º aniversario da Constitución de 1978.. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
O ex presidente fel Goberno Felipe González á saída do acto conmemorativo do 40º aniversario da Constitución de 1978.. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta