O artesán de gaitas que o perdeu todo nun incendio busca axuda: "Quedei espido"

Un lume destruíu o taller no que Roberto C. Pérez, máis coñecido como 'O Reberete', traballaba en Cea. Agora creou un proxecto na plataforma de apoio Verkami para recuperarse do golpe.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"Para quen non me coñeza, son O Reberete, artesán-luthier de instrumentos musicais tradicionais galegos. Levo 12 anos desempeñando a miña labor, transformando a madeira en instrumentos de vento e percusión". Así é como se presenta Roberno C. Pérez, que ata hai unha semana traballaba no taller que decidira ubicar na vella palleira da súa avoa, na súa aldea natal, O Val de Vilaseco, onde, di, comezou a percibir o mundo e onde foi "construíndo o seu lugar mentres investigaba e creaba sons para os meus instrumentos".

Cuño co que O Reberete identifica os seus instrumentos
Cuño co que O Reberete identifica os seus instrumentos | Fonte: Proxecto O Reberete Verkami

DA DESOLACIÓN Á CALMA, DA CALMA Á ESPERANZA

A madrugada do venres pasado chamárono dicindo que o seu obradoiro estaba ardendo. "Crin que era un pesadelo; o mesmo que xa tivera outras veces foiro do medo que vive un de poder perder o que máis quere", explica o propio Reberete no proxecto impulsado na plataforma Verkami para recadar fondos e volver poñerse en pé. Aquela noite, de camiño ao taller, decatouse de que non levaba as chaves, pero ao chegar "os peores pensamentos convertéronse en realidade: as lapas superaban a altura do teito. Todo estaba perdido".

Ese lugar de traballo, de grande importancia para el non só a nivel profesional senón tamén porque "era lugar de evasión onde perdía a noción do tempo", reduciuse en cinsas da noite para a mañá. O primeiro sentimento de "desolación" converteuse logo nunha "modesta calma" grazas ao apoio de familiares, amizades e mesmo persoas descoñecidas. "Pronto chegou a esperanza" e agora, toca recompoñer.

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE DOAZÓNS

Roberto C. Pérez, 'Reberete', no seu obradoiro logo de ser asolado polo lume
Roberto C. Pérez, 'Reberete', no seu obradoiro logo de ser asolado polo lume | Fonte: YouTube

Empuxado pola marea de axuda, O Reberete decidiu botar a andar unha campaña de recollida de doazóns para se poder erguer de novo. En cinsas non só quedaron os instrumentos musicais, senón tamén planos e experimentos nos que o artesán levaba tempo traballando, amais das lembranzas dese lugar no que tanto tempo botou. A axuda económica, explica, iría destinada a "repoñer polo menos parte das perdas materiais que comprenden a maquinaria, ferramenta, materia prima e construción do local de traballo e almacén situado ata o momento no piso superior". Toda estas reparacións supoñerán, calcula, unha inversión "moito superior aos 40.000 euros que se pretenden recadar con esta campaña".

Dela forman parte compañeiros do Reberete que tamén decidiron prestarlle a súa axuda a través da impartición de obradoiros e servizos, entre eles un curso de achegamento aos instrumentos tradicionais, ou un obradoiro de castañolas, outro de baile, outro de canto e pandeireta... A segunda pata do proxecto de financiamento aséntase na elaboración por encarga dos instrumentos que o Reberete viña construíndo como ata agora. No pouco tempo que o proxecto leva aberto, o artesán xa recadou máis de 12.000 euros de case 300 mecenas. Por diante queda algo máis dun mes para conseguir o resto do financiamento que precisa. 

Ademais deste proxecto en Verkami, coñecidos artesáns de Roberto de toda Europa botaron a andar unha conta paypal para colaborar na recuperación do seu taller, do que só se salvou o cuño co que marcaba a identidade dos seus instrumentos. As súas amizades deixan tamén este IBAN ES47 0182 0635 5602 0156 6345 no que ingresar o diñeiro dos encargos de instrumentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta