Alerta médica por posible desatención de casos de infarto cerebral durante a pandemia de Covid-19

Científicos observan unha caída xeralizada no número de ingresos hospitalarios, acompañada por un aumento da mortalidade en pacientes con accidente cerebrovascular. Un estudo realizado en hospitais galegos e doutras sete autonomías do norte de España constata esa tendencia durante a epidemia de coronavirus. Expertos europeos lanzan unha alarma sobre "o impacto negativo que a pandemia ten na calidade da atención do accidente cerebrovascular prehospitalario e hospitalario".

Por Alberto Quian | Madrid | 20/06/2020 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Os ingresos por accidente cerebrovascular isquémico (comunmente coñecido como infarto cerebral) descenderon durante a epidemia de Covid-19 no norte de España, á vez que aumentou a mortalidade por esta causa. Así o conclúe un estudo realizado en hospitais de Galicia, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Euskadi, A Rioxa e Navarra, publicado por 33 investigadores na revista International Journal of Stroke, editada pola Organización Mundial do Ictus.

Entrada en Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo durante a pandemia
Entrada en Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo durante a pandemia | Fonte: © Miguel Núñez.

No estudo rexistrouse o número de pacientes ingresados por accidente cerebrovascular  isquémico, o número de procedementos de tratamentos intravenosos e endovasculares, e a mortalidade hospitalaria entre o 30 de decembro de 2019 –un mes antes de que se declarase en España o primeiro caso de Covid-19– e o 3 de maio de 2020.

O estudo realizouse en 16 hospitais da rede NORDICTUS, incluídos os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña

Os datos recolléronse en 16 hospitais –incluídos os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela (CHUS), Vigo (CHUVI) e A Coruña (CHUAC)– da rede  NORDICTUS (rede de investigación e innovación en enfermidades cerebrovasculares que reúne a todos os hospitais públicos con unidades para estes pacientes no noroeste de España).

En total, nestes hospitais ingresaron 2.737 pacientes con accidente cerebrovascular  isquémico no período de estudo. Observouse unha diminución na media semanal de pacientes ingresados durante a pandemia (124 fronte aos 173 rexistrados antes de declarase a emerxencia sanitaria por coronavirus). Con todo, a mortalidade hospitalaria por infarto cerebral aumentou significativamente (9,9% fronte ao 6,5% pre-Covid), pero non houbo diferenzas significativas na proporción de tratamentos intravenosos e  endovasculares.

“Atopamos unha diminución no número absoluto de ingresos por accidentes  cerebrovasculares isquémicos, e aínda que isto se observou en todos os hospitais que participaron no estudo, só alcanzou significación estatística en seis dos 16 centros”, explican os investigadores.

Agrupados por comunidades autónomas, os datos mostran que “só tres dos oito territorios (Cantabria, A Rioxa e Navarra) non mostraron unha diminución significativa”. Ademais, “a magnitude da diminución variou notablemente entre os centros de estudo, desde unha caída nos casos de accidente cerebrovascular  isquémico de máis do 50%, nos tres hospitais máis afectados en comparación cunha caída de menos do 10% nos tres hospitais menos afectados.

Os tres grandes centros galegos pasaron, en conxunto, de 31 casos hospitalizados de media por semana a 22: no CHUAC, de 11 a 7; no CHUS, de 10 a 4, e no  CHUVI, de 10 a 9. 

Os investigadores destacan o caso de Asturias, “menos afectada polos casos de  COVID-19 que outras autonomías” e onde se observou unha “forte diminución” dos ingresos semanais por infarto cerebral. En concreto, a media de ingresos pasou de 27,5 nas semanas pre-Covid a 21 durante a epidemia.

No caso de Galicia tamén se observaron menos ingresos hospitalarios, do mesmo xeito que nas demais autonomías. Os tres grandes centros galegos pasaron, en conxunto, de 31 casos hospitalizados de media a 22: no CHUAC, de 11 a 7 semanais; no CHUS, de 10 a 4, e no  CHUVI, de 10 a 9. Precisamente, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago é un dos 16 centros analizados onde se rexistrou uhna das maiores caídas porcentuais en ingresos.

En canto á mortalidade, no conxunto da rede NORDICTUS aumentou dun 6,5% a un 9,9%. Con todo, en Galicia só se rexistrou un incremento no CHUS, de 10,5 ao 12,5%. No CHUAC pasou do 8 ao 6,5% e no  CHUVI, do 3,8 ao 2,6%. De maneira que no conxunto dos tres grandes centros hospitalarios galegos a mortalidade caeu do 7,3 ao 6,1%, sendo a única autonomía onde se rexistrou unha caída. Con todo, esa leve diminución da mortalidade contrasta co 29% menos de ingresos.

POSIBLES EXPLICACIÓNS

Aínda que son poucos aínda os estudos realizados sobre a atención a pacientes con infartos cerebrais durante a pandemia de COVID-19, os resultados na rede NORDICTUS están na liña dos obtidos noutros traballos. Por exemplo, unha análise realizada na cidade brasileira de Joinville comparou os ingresos por infarto cerebral despois do inicio das restricións pola epidemia (o 17 de marzo) cos admitidos en 2019. Os resultados evidencian unha diminución no total de admisións por accidente  cerebrovascular dunha media mensual de 12,9 por cada 100.000 habitantes a 8,3. En comparación co mesmo período en 2019, houbo unha redución do 36,4% nas admisións por accidente cerebrovascular.

“Ata onde sabemos, este estudo ofrece a maior mostra europea para analizar a influencia da pandemia de COVID-19 nas admisións por accidente cerebrovascular isquémico”

Que explicación ten a caída de ingresos por accidente cerebrovascular isquémico durante a pandemia de Covid-19? Os científicos manexan varias hipóteses: “cambios no comportamento ou a actitude social, accidentes cerebrovasculares leves non discapacitantes no fogar, ou o ingreso en unidades de illamento hospitalarias onde o accidente cerebrovascular pode non ser o problema principal ou non se presta suficiente atención para diagnosticar un accidente cerebrovascular”.

Doutra banda, “o aumento da mortalidade, por enriba dos valores habituais na nosa área, podería explicarse por algunhas das situacións descritas anteriormente ou outras, como a menor cantidade de ingresos menores por accidente cerebrovascular, o que aumenta a proporción de accidentes cerebrovasculares isquémicos graves”, explican.

Os expertos tampouco descartan que este incremento da mortalidade hospitalaria “poida reflectir un aumento na gravidade do accidente cerebrovascular en pacientes con infección de COVID-19”.

“Ata onde sabemos, este estudo ofrece a maior mostra europea para analizar a influencia da pandemia de COVID-19 nas admisións por accidente cerebrovascular isquémico”, destacan os seus autores, que solicitan que “os sistemas de atención médica se adapten rapidamente para implementar sistemas para a atención de COVID-19, pero tamén para garantir a atención de accidente cerebrovascular habitual e efectiva malia as reorganizacións do sistema”.

“Dado que o accidente cerebrovascular é unha afección potencialmente mortal, é importante non descoidar o nivel habitual de atención do accidente cerebrovascular, independentemente da difícil situación derivada da pandemia de COVID-19”, conclúen.

ALERTA CIENTÍFICA

A Organización Europea de Accidentes Cerebrovasculares realizou unha enquisa destinada a recompilar información sobre a atención a estes pacientes durante a pandemia.

A enquisa realizouse entre o 26 de marzo e o 1 de abril de 2020 entre especialistas de 55 países –na súa maioría, europeos–, centrada na reorganización dos servizos de saúde, a prestación de atención en accidentes cerebrovasculares agudos e post-agudos e a dispoñibilidade de equipos de protección persoal.

O 77% dos especialistas consultados na enquisa da Organización Europea de Accidentes Cerebrovasculares informou que non todos os pacientes con accidente cerebrovascular recibían a atención habitual nos seus centros 

Entre os enquisados europeos, o 77% informou que non todos os pacientes con accidente cerebrovascular recibían a atención habitual nos seus centros. As áreas consideradas como as máis afectadas foron as unidades de agudos e rehabilitación.  Ademais, a maioría dos profesionais recoñeceron que tiveron que adaptar as súas actividades e horarios e máis da metade informaron de escaseza de equipos de protección.

Os resultados doutra enquisa internacional publicados na revista científica Journal of NeuroInterventional Surgery evidencian tamén que se cancelaron ou pospoñeron moitos procedementos urxentes en servizos neurointervencionistas durante a pandemia.

A enquisa foi completada por 475 profesionais de 61 países de África, Asia, Europa e Amèrica. No estudo, no que participou o Hospital Clinico Universitario de Santiago de Compostela, ponse de relevo que aínda que a maioría dos participantes (96%) afirmou que podían proporcionar servizos de emerxencia, o 26% informou de recursos limitados.

Tamén se constatou unha diminución nos procedementos de emerxencia (52% en accidente  cerebrovascular isquémico e hemorráxico, e 11% isquémico e 6% hemorráxico só).

Os procedementos que non son de emerxencia detivéronse por completo nos centros da metade dos participantes da enquisa e tamén a metade afirmou ter abandonado os casos urxentes que non eran de emerxencia.

Os autores deste estudo advirten de que, "aínda que a adquisición de COVID-19 no hospital pode representar un problema considerable" para os pacientes, "cancelar ou pospoñer procedementos urxentes podería ser prexudicial para os pacientes que teñen un maior risco de accidente  cerebrovascular inminente que o de ser prexudicados por unha posible infección nosocomial [adquiridas durante la asistencia sanitaria]".

"Equilibrar os riscos dunha terapia demorada fronte ao risco dunha posible infección  nosocomial por COVID-19 é un desafío. É probable que comunicar estas consideracións aos pacientes sexa aínda máis difícil. Os pacientes poden evitar ir ao hospital por medo, tanto por emerxencias como por procedementos urxentes", destacan.

"Débese garantir a mellor atención, tamén en momentos difíciles, para non retroceder nos excelentes resultados logrados nos últimos anos na mellora do tratamento do accidente cerebrovascular”

Doutra banda, científicos do Instituto Neurolóxico Carlo Besta e do Departamento de Ciencias Biomédicas e Clínicas da Universidade de Milán tamén advertiron dos problemas causados polos cambios na calidade do coidado a pacientes con accidente cerebrovascular en Europa durante a pandemia: “Rexistrouse unha redución no número de admisións por accidente cerebrovascular agudo en moitos países a pesar de que non hai razón para crer que a incidencia xeral de accidente cerebrovascular foi diferente”, advirten.

Malia que recoñecen que aínda é pronto para dar unha explicación a esta caída nos ingresos, coinciden en que “unha posible razón é que moitos pacientes con accidente cerebrovascular leve quedaron en casa por medo á infección no hospital ou porque os síntomas non se recoñeceron claramente debido ao illamento social e o peche”; noutros casos, podería deberse a que “os signos de accidente cerebrovascular poderían ser diagnosticados erroneamente en pacientes con problemas respiratorios graves con  COVID-19”; pero tamén apuntan que “as medidas de protección e o distanciamento poden ter limitado ou mesmo impedido as consultas neurolóxicas”.

É por iso polo que os científicos lanzan unha “mensaxe de advertencia sobre o impacto negativo que a COVID-19 ten na calidade da atención do accidente cerebrovascular prehospitalario e hospitalario” e advirten de “posibles consecuencias a longo prazo”.

“Debido a que o accidente cerebrovascular é a segunda causa de mortalidade e a primeira de discapacidade nos países occidentais, débese garantir a mellor atención, tamén en momentos difíciles, para non retroceder nos excelentes resultados logrados nos últimos anos na mellora do tratamento do accidente cerebrovascular”, finalizan os expertos italianos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta