Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 21/06/2020 | Actualizada ás 14:59
A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, asegurou este domingo que España "necesita o concurso de todos, tamén da dereita, tamén do PP", para a saída da crise. Por iso, suxeriu aos populares que "xa está ben do xogo de insultos e de mentiras" que manteñen con "a ultradereita" de Vox.
"Se un di unha barbaridade, o outro di unha barbaridade máis grande. E así non imos gañar nunca, imos perder todos, porque ao final a política imprégnase da rifa, da polarización, do ruído, de todo iso que fai que a xente se desconecte", xustamente "o que á ultradereita lle interesa".
Así o manifestou a dirixente socialista durante un mitin de precampaña en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), onde arroupou ao secretario xeral e candidato do PSdeG-PSOE ás eleccións galegas do 12 de xullo, Gonzalo Caballero, e no que tamén interviñeron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela; e o deputado autonómico e integrante da lista por Pontevedra Xullo Torrado.
Durante a súa intervención fronte a un centenar de cargos e simpatizantes do PSdeG, Montero afeou a "a ultradereita e a dereita" que consideren que o Goberno do que forma parte é "ilexítimo". Por iso, suxeriulles que "se non lles gusta o resultado das eleccións, terán que esperar ás seguintes".
"Pero non se pode, durante unha pandemia que arrasou a vida de miles de persoas e que tivo aos sanitarios a pé do risco durante tantos días, (...) aproveitar a situación para que o Goberno sexa débil ou se desgaste", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.