Clamor nas redes contra unha moza que criticou a un rapaz en Instragram porque falar galego "é feo e de pobres"

A moza, de Santiago, chegoulle a dicir que os galegofalantes "dan vergoña". O chío de Twitter acumula miles de respostas en repulsa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2020 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

"Puedes hablarme en castellano? Ni me gusta el gallego ni lo entiendo". Así comeza a conversa privada entre dous mozos feita viral nos últimos días na rede social Twitter. O chío que recolle o intercambio de mensaxes supera os 10.000 retweets, moitos deles acompañados de mensaxes que dan proba da indignación dos usuarios.

Conversa entre unha rapaza galegófoba e un mozo viralizada en Twitter
Conversa entre unha rapaza galegófoba e un mozo viralizada en Twitter | Fonte: remitida.

Ao longo da conversa, que transcorreu no chat privado doutra rede social, unha moza non identificada -que di ser de Santiago- pídelle ó seu interlocutor que lle fale castelán porque nin entende o galego nin lle "gusta". Ante a sorpresa do rapaz, a moza insiste apuntando: "tan guapo y hablando gallego. Resta, la verdad". 

"QUÉ ERES, DEL BLOQUE?"

Ante esta actitude, o mozo defende que o galego "é un idioma coma outro" e que, se a rapaza se pensa o contrario, non teñen "máis que falar". É nese punto que a moza volve a soster que o galego é "feo" -"no lo puedes negar", dille- e "como de pobres", para logor incidir en que os galegofalantes "dan vergoña".

A reacción dos tuiteiros ó chío, que acumula case 50.000 likes e amplas mostras de repulsa, non se fixo agardar. Entre as respostas ó tweet atópase o pianista James Rhodes, coñecido pola defensa da lingua galega.

Moitos dos chíos en referencia á conversa aluden con ironía ó feito de que a rapaza, malia dicir "non entender" o galego, resposta a todas as mensaxes do rapaz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta