Satse pide que o Sergas desenvolva un plan de continxencia contra as "deficiencias" que afloraron durante a pandemia

"De feito, o Congreso dos Deputados xa ten sobre a mesa a nosa reclamación dunha lei de cocientes Enfermeira paciente", apunta a secretaria xeral de Satse en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2020 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (Satse) pide ao Sergas e á Consellería de Sanidade que desenvolva un plan de continxencia "para paliar as deficiencias que o sistema sanitario deixou ao descuberto nesta pandemia" polo coronavirus COVID-19.

Segundo informou este sindicato nun comunicado de prensa, reivindica "unha serie de medidas que implique e inflúa en todos os traballadores do ámbito da saúde" despois de que a crise pola COVID-19 deixou ao descuberto "todas as vergoñas e carencias do sistema", explicou a secretaria xeral de Satse en Galicia, Carmen García Rivas.

"Unhas medidas que atallen as carencias do presente, e preparen en sistema sanitario de face ao futuro", indicou a central sindical. "Non podemos facer fronte a un posible rebrote para vernos na mesma tesitura. Esiximos que se presente un protocolo avanzado de previsión no caso de que isto suceda", sinalou.

Ademais, Satse aposta por "mellorar as condicións laborais de todos os traballadores en xeral" e, particularmente, "dos profesionais de Enfermaría e Fisioterapia", que é a quen representa, lembra.

Con todo, neste momento de pandemia, considera que os problemas afectan a todo o persoal sanitario e non sanitario, por iso reclama "un estudo pormenorizado das necesidades de recursos profesionais nos centros sanitarios de Galicia".

"De feito, o Congreso dos Deputados xa ten sobre a mesa a nosa reclamación dunha lei de cocientes Enfermeira paciente", apunta a secretaria xeral de Satse en Galicia.

CARENCIAS

A falta de material de protección foi outra das reclamacións deste sindicato durante toda esta pandemia, "tendo que reutilizar equipos de protección, racionando material como as máscaras ou luvas etc.", lembrou.

"Tamén padecemos outras carencias de forma crónica, como que son os espazos compartidos, como as salas de medicación ou os vestiarios, zonas que non permiten manter a distancia de seguridade necesaria para evitar contagios entre o persoal sanitario e que non se tiveron en conta e hai que retomar de inmediato", criticou.

Tamén reclama melloras nas condicións de traballo dos profesionais, xa que "se vulneraron moitos dos dereitos laborais", subliñou. "Neste sentido fálase de permisos de descanso, redución de xornada e conciliación", abundou, para incidir en que "as listas de contratación non poden ser a escusa xa que apenas se utilizaron".

Por iso Satse reclama "unha compensación, non só económica, para os profesionais que estiveron dando o 100% durante esta pandemia". "Debe ser unha compensación nos descansos que lles solicitan, ademais de compensalos con outros a maiores en agradecemento á súa implicación e tempo investido", indicou.

O Sindicato de Enfermaría tamén advirte do trato diferenciado que existiu entre as distintas categorías. "Non podemos compartir, nin entender, a diferenza de trato en diferentes categorías. Hai unha diferenza de trato que debe ser recoñecida compensado e equilibrado", concluíu.

Satse aclarou que non se suma á mobilización do próximo 27 de xuño ao considerar que "representa a unha parte do problema, a pesar de compartir moitas das súas reivindicacións denunciadas reiteradamente". Asegura que "como sindicato de Mesa Sectorial" entende que "só representa a unha pequena parte da reclamación que se debe levar a cabo" e que non recolle a todas as categorías.

"RECOMPOR O SISTEMA"

"Esta pandemia deixou as vergoñas ao descuberto e debemos recompor o sistema de inmediato. A pesar de que sempre o estamos reivindicando e reclamando, este Sindicato, a pesar de ser un sindicato profesional recoñece que o dano corresponde a todas as categorías en maior ou menor medida", concluíu.

"Isto ten que ser unha planificación e un paquete de medias para todos, e por iso esiximos a convocatoria da Mesa Sectorial extraordinaria", sentenciou, para advertir de que non descarta "mobilizacións posteriores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta