Así será o debate electoral na TVG

O plan para o debate exposto pola TVG para o 29 de xuño, ratificado tras a reunión dos partidos. O BNG presenta alegacións ao programa de cobertura dos medios públicos e pide un debate a dobre volta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/06/2020 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

O esquema que a Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) enviou aos partidos o pasado venres para o debate entre sete candidatos que está previsto o primeiro luns de campaña, o 29 de xuño, quedou ratificado tras a reunión mantida polos representantes dos distintos partidos, nun encontro no que se perfilaron os detalles do encontro.

Estudio da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate a seis nas eleccións autonómicas galegas para o 5 de abril
Estudio da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate a seis nas eleccións autonómicas galegas para o 5 de abril

Na planificación feita pola CRTVG inclúense nove debates, pero só un deles con todos os candidatos á Presidencia. Concretamente, a dirección da televisión pública propuxo celebrar este debate o día 29.

O seu plan de medios, do mesmo xeito que o de RTVE, inclúe as sete formacións políticas. Por representativas (presenza no Parlamento de Galicia) e tendo en conta os resultados das autonómicas de 2016 son as seguintes: PPdeG --Alberto Núñez Feijóo como candidato á reelección--, En Marea (marca electoral que se presentou como tal nas eleccións de 2016, pero cuxos impulsores e partidos que o conforman xa non están vinculados) --con Pancho Casal como cabeza de cartel da agora Marea Galeguista--, PSdeG --con Gonzalo Caballero como candidato á Presidencia-- e BNG --Ana Pontón, aspirante á Xunta--.

Pola súa banda, están as formacións denominadas significativas. Isto ten que ver coa instrución 4/2011, do 24 de marzo da xunta electoral central na que determinou que son grupos políticos significativos aquelas formacións que nalgún dos procesos electorais celebrados con posterioridade ás últimas eleccións equivalentes obtiveron un número de votos igual ou superior ao 5 por cento.

Deste xeito, incluíronse nos plans de medios a En Común-Anova Mareas (coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova) --Antón Gómez-Reino (candidato) e cuxas bases políticas se corresponden coas da antiga En Marea--, Ciudadanos (Cs) --Beatriz Pino, cabeza de cartel-- e Vox (que non concretou este luns a que candidato enviará ao debate).

Ademais do debate a sete proposto polo ente público galego, a CRTVG tamén aposta por celebrar outro oito provinciais, catro en formato de televisión e outros tantos a través da Radio Galega. Xunto aos debates, recolle no seu plan de medios un total de 14 entrevistas con candidatos.

REPARTICIÓN DOS BLOQUES E ALEGACIÓNS DO BNG

Tras a reunión dos partidos deste luns, como tamén confirmou a CRTVG e fontes das distintas formacións, quedou ratificado que o primeiro debate tería lugar o luns 29, ás 21,30 horas, nas instalacións de San Marcos, en Santiago de Compostela. Será accesible en lingua de signos en directo pola G2 e retransmitido pola Radio Galega e as canles dixitais da CRTVG.

A apertura global protagonizarana os candidatos dos partidos en orde de maior a menor representación e o peche global en sentido inverso, co que Feijóo abrirá e pechará a cita. Por bloques, Pontón abrirá o correspondente á xestión do coronavirus en Galicia, que pechará Feijóo.

Caballero abrirá o bloque de política económica, que pechará Pancho Casal; mentres que Feijóo abrirá o de política social, que pechará, neste caso, o líder do PSdeG. Finalmente, o cuarto bloque de modelo institucional encargarase de abrilo o candidato de Marea Galeguista e pecharao o BNG.

Durante a negociación sobre as normas e os detalles da cita expúxose a posibilidade de que os moderadores puidesen facer preguntas, pero só o PPdeG se mostou favorable a esta posibilidade, mentres que portavoces das demais forzas incidiron en que "preguntas condicionadas" só contribuirían a facer "aínda máis a medida de Feijóo" este debate.

Pola súa banda, fontes do BNG ratificaron que presentaron ante a xunta electoral alegacións contra o plan de cobertura dos medios públicos galegos. Entre outras cuestións, ademais de queixarse polo "limitadísimo tempo" do bloque electoral nos informativos e por unha repartición de tempos que non consideran "equitativo", os nacionalistas demandan un debate a dobre volta.

PROGRAMACIÓN ESPECIAL DA TVG

A CRTVG incide en que se extremarán as medidas de hixiene e seguridade sanitaria e tamén avavnza que os medios públicos modificarán a súa grella e ofrecerán unha programación especial ao redor do debate. Así, os servizos informativos da Corporación realizarán xa nas xornadas previas "un esforzo de promoción do evento" nos diferentes espazos e canles.

O 29 pola tarde haberá un 'Especial Informativo' previo ao debate, que empezará ás 19,30 horas, no que se contará con catro analistas que detallarán os instantes previos e os posteriores ao evento. Tras o debate do día 29, a TVG e a Radio Galega programarán oito debates máis, estes de carácter provincial, que estarán divididos nos mesmos bloques temáticos que os fixados para o do sete candidatos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta