Sanidade actualiza o plan de control e vixilancia ante rebrotes

Incorpórase a atención de visitantes de fóra a través do teléfono 881 00 20 21.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/06/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade actualizou o plan de detección, control e vixilancia ante posibles brotes da COVID-19 en Galicia, no marco do que se incorpora a atención de visitantes de fóra da Comunidade galega a través do teléfono 881 00 20 21. Así o explicaron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, acompañados polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

Rolda de prensa en Sanidade sobre o plan de detección, control e vixilancia ante posibles brotes COVID en Galicia
Rolda de prensa en Sanidade sobre o plan de detección, control e vixilancia ante posibles brotes COVID en Galicia | Fonte: Xunta.

Almuiña explicou que este plan foi actualizado este luns, xornada na que levou á reunión da Comisión de xestión da crise sanitaria, con "novos aspectos" tras o fin do estado de alarma en toda España e ante a chegada de visitantes coa libre mobilidade.

O titular de Sanidade sinalou que a epidemia "continúa nunha fase de nivel moi baixo, con moi poucos casos". Pero incidiu en que, ante posibles brotes, seguen "preparados" para abordar os novos casos mentres non haxa vacina ou unha "inmunización natural" da poboación.

Almuiña insistiu nas cifras "moi baixas" de COVID-19 que se rexistran en Galicia, pero puntualizou que non se poden "despistar", polo que incidiu na importancia da "vixilancia e control".

Neste sentido, fixo fincapé en que a central de vixilancia de Galicia xa realizou, desde a súa posta en marcha o 11 de maio, "1.622 contactos" e realizou "máis de 8.000 chamadas aos contactos para ver se presentaban síntomas da enfermidade". Así, matizou que por cada positivo "faise o seguimento de 3,73 cidadáns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta