Temas: CRISE XUNTA FEGAMP

A Fegamp cifra nuns 340 millóns as competencias da Xunta que asumen os concellos galegos pola pandemia

Avisa de que se carga aos municipios con medidas que non lle corresponden e pide que participen na toma de decisións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/06/2020 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) destacou o "esforzo extraordinario" feito polos concellos galegos para facer fronte á pandemia da COVID-19 e cifrou nuns 340 millóns de euros os gastos que realizan para asumir competencias da Xunta. Así o destacou o presidente do ente municipalista, Alberto Varela, quen presentou o Plan de acción no ámbito municipal tras o estado de alarma. Este documento, acordado pola xunta de portavoces, recolle unha análise do contexto económico no que os consistorios prestarán os seus servizos e un plan de acción con máis de 50 medidas.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela
O presidente da Fegamp, Alberto Varela | Fonte: Europa Press

Na súa intervención, o tamén alcalde de Vilagarcía asegurou que "hai cuestións que se están cargando aos concellos" que lle corresponden á Administración autonómica como o servizo de axuda no fogar e outras accións en materia de política social, o mantemento dos colexios e os conservatorios.

A estas cuestións, conforme sinalou, súmanse outras medidas extraordinarias de protección da saúde, como os labores de desinfección dos parques infantís que "non entran dentro dos labores" que deben de realizar os municipios e que implican un gasto extraordinario a estas administracións duns 340 millóns de euros.

REACCIÓN INMEDIATA

A Federación Galega de Municipios e Provincias lembrou que a resolución desta problemática é unha das súas reclamacións máis reiteradas e sinalou que a nova situación xerada pola COVID-19 esixe unha nova reacción que pase pola redistribución de recursos e partidas e pola asunción da Xunta das súas competencias.

E é que o ente municipalista considera que as condicións de prestación de servizos por parte dos concellos vanse ver agravadas ao longo do tempo por unha caída no financiamento que, segundo as proxeccións iniciais da Fegamp, deixarían en 2022 un saldo negativo para as entidades locais de case 400 millóns de euros.

Ante iso, a proposta da Fegamp contempla medidas paliativas, de recuperación económica e social, de expansión económica e medidas transversais.

DEMANDAS

Neste sentido, o ente municipalista pide que non se toquen os fondos contemplados na participación de ingresos do Estado e o fondo de cooperación local deste ano para poder enfrontar a emerxencia e, de cara ao futuro, solicita unha ordenación das finanzas locais tanto a nivel estatal como autonómico, na que os concellos e deputacións poidan dispor da autonomía para poder empregar de forma óptima os recursos de acordo ás súas especificidades.

Así, Alberto Varela puxo como exemplo a posibilidade de que unha cantidade específica que a Xunta puidese achegar a unha determinada festa de interese turístico que finalmente non se pode celebrar pola situación sanitaria, que eses fondos non se destinen a outras partidas da comunidade autónoma, senón que se sigan destinando a actividades dos concellos.

Ademais, a Fegamp considera imprescindible a creación inmediata dunha comisión de análise e seguimento da situación económica, financeira e social de forma que os concellos galegos poidan participar na toma de decisións, especialmente as relativas ao desconfinamiento.

Por último, propuxo medidas de carácter social como a reforma do IBI, medidas de protección do pequeno e mediano comercio polo seu peso na dinamización económica, así como outras accións en materia tecnolóxica.

Temas: CRISE XUNTA FEGAMP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta