O gaiteiro enleado por VOX pedirá unha rectificación pública ao partido: "Quero lavar a miña imaxe"

Xesús Rodríguez, músico profesional, apareceu nunha publicación da formación de ultradereita na que se daba a entender que estaba recibindo ao grupo político ao son das gaitas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

O gaiteiro Xesús Rodríguez, que se viu involucrado de maneira involuntaria nunha publicación de Twitter da formación de ultradereita Vox, procederá a pedir unha "rectificación pública" para que o desvisculen da formación política e dos seus actos. "Eu dedícome profesionalmente á música, teño un obradoiro de gaitas, toco en eventos... E o que non quero é que se politice a miña imaxe como alguén vinculado a certo partido político", explica. Por iso, a súa pretensión agora será "que se estenda ben a idea de que eu non teño nada que ver con iso e lavar a miña imaxe".

Captura do Tweet da formación Vox na que sae Xesús Rodríguez
Captura do Tweet da formación Vox na que sae Xesús Rodríguez | Fonte: Twitter

O caso saltou ás redes esta mesma semana cando a conta de Twitter @Vox_LaCoruña_ publicaba unha entrada que dicía o seguinte: “El gaitero nos recibe a nuestra entrada en la Plaza del Obradoiro”. Acompañando o texto aparecía unha imaxe do músico tocando no Arco de Xelmirez fronte ao grupo de ultradereita, que participou este domingo nun acto preelectoral en Santiago de Compostela no que realizou o último tramo do Camiño (desde o Monte do Gozo ata o Obradoiro).

"EU NON RECIBÍN A NINGUÉN"

Se ben con ese chío querían dar a entender o apoio de Galicia á formación e, máis concretamente, a “benvida” a Vox ao son da gaita, o certo é que o músico axiña saíu dar explicacións a través das súas redes sociais: “Quero deixar moi claro que estaba a tocar como fago habitualmente e apareceu de súpeto toda esta tropa, EU NON RECIBÍN A NINGUÉN”, aclara contundente Xesús Rodríguez, que cualifica de “verdadeiramente noxenta” a lea en que se viu metido por parte da formación de ultradereita Vox.

“Xa tiña constancia da manipulación e dos bulos de certos partidos políticos pero nunca imaxinei ser vítima dunha das súas montaxes”, prosegue no seu comunicado. Dende ese momento, Xesús Rodríguez vén de recibir o apoio de centos de persoas polas redes sociais que mesmo o animan a denuncian á formación por manipulación e uso da súa imaxe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

Manipuladores. Que cara dura teñen. A ver se quedan retratados unha vez máis das súas mamarrachadas.