A candidata de Ciudadanos Galicia defende a independencia dos medios para ter "unha sociedade ben informada e libre"

Beatriz Pino rexeitou "o uso partidista e a politización que está a sufrir a CRTVG e os seus profesionais" e propón suprimir as campañas de propaganda institucional ao considerar que a Xunta dispón de medios suficientes para informar á cidadanía da súa política.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2020 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

A candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta, Beatriz Pino, defendeu a independencia e a liberdade dos medios de comunicación como garantía dunha sociedade "ben informa e libre".

Tras manter unha reunión en Ourense co decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Francisco José González Sarria, da que informou a formación laranxa nun comunicado, Beatriz Pino asegurou que para que os xornalistas poidan informar adecuadamente é necesario que a súa profesión se desenvolva en liberdade.

"Resulta lóxico que desde as administracións públicas se trate de dotar do marco legal necesario para que poidan desenvolver a súa actividade en liberdade", sinala a candidata, que ve necesaria "a aprobación de calquera norma que sirva para este fin" pero avisa de que "máis que o título da norma, o importante é o seu contido".

Neste sentido, rexeitou "o uso partidista e a politización que está a sufrir a CRTVG e os seus profesionais" e propón suprimir as campañas de propaganda institucional ao considerar que a Xunta dispón de medios suficientes para informar á cidadanía da súa política.

Ademais, avanzou que proporá ao Consello de Administración da CRTVG a retransmisión en directo pola TVG-2 de todos os plenos do Parlamento e outras reunións relevantes que se celebren.

MAIOR TRANSPARENCIA

Por outra banda, a candidata de CS á Presidencia da Xunta considerou necesario aumentar a transparencia e o control do gasto que realiza a Xunta.

"Reformaremos o Consello de Contas para transformalo nun órgano fiscalizador de todos os investimentos e subvencións públicas con facultade sancionadora", sostivo a candidata, que tamén se comprometeu a potenciar o Portal de Transparencia para que os cidadáns poidan acceder e consultar facilmente toda a información pública.

"Faremos pública a información actualizada sobre todos os altos cargos e o persoal eventual de confianza da Administración, con referencia expresa á súa identidade, posto, funcións, cualificación, experiencia profesional e retribución. Publicaremos todos os informes elaborados polos órganos de control interno, destacando aqueles que detecten irregularidades", comprometeuse.

A candidata de CS Galicia á Xunta, Beatriz Piñeiro, reúnese co decano do Colexio de Xornalistas, Francisco González Sarria. CIDADÁNS
A candidata de CS Galicia á Xunta, Beatriz Piñeiro, reúnese co decano do Colexio de Xornalistas, Francisco González Sarria. CIDADÁNS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta