Feijóo apoia a reapertura das discotecas: "hai unha relación de confianza co sector para cumprir as normas"

Será obrigatoria máscara e deixar o teléfono para ser localizado se hai brote. "Noutros sitios vemos como se celebran botellóns de xeito indicriminado", critica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2020 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

As discotecas e outros locais de lecer nocturno reabrirán en Galicia a partir do 1 de xullo como estaba previsto, pero será obrigatorio utilizar máscara e que os responsables dos establecementos velen por que os clientes deixen un número de teléfono e poder ser localizados no caso de que haxa rebrote. O aforamento permitido será de dous terzos.

Interior dunha discoteca.
Interior dunha discoteca.

Así o anunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que subliñou que hai "un pacto de compromiso" e unha relación "de confianza" da Xunta co sector. Se non funciona, advertiu que se anulará a orde e volveranse a pechar estes establecementos. En todo caso, e ante a posibilidade de que haxa rebrotes, lembrou que o Goberno xa deixaba abrir discotecas antes que a Xunta.

Ademais, indicou que nas discotecas poderá haber inspeccións por parte de Consumo, Saúde Pública ou calquera policía dos distintos corpos de seguridade "en calquera instante". "Haberá unha especial vixilancia", sentenciou, aínda que considera que son máis perigosos os "botellóns nocturnos" que teñen lugar nalgunhas localidades da comunidade e pediu a colaboración do resto de administracións.

O presidente galego ratificou que se actualizará o decreto aprobado cando Galicia saíu do estado de alarma e, quince días despois, tamén se aumentará o aforamento en praias, verbenas e parques infantís.

Pero tamén incidiu na obrigatoriedade de cumprir as normas, de comunicar os síntomas se os houbese, e sinalou que, por consello do comité clínico, cambiarase a "formulación" da redacción sobre o uso de máscara na normativa galega, para incidir na súa importancia. Así, lembrarase que a recomendación é o uso de máscara en primeiro termo coa coletilla de que a excepción será que se cumpra a distancia de seguridade, e non ao revés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta