Absolución para dous exaltos cargos da Xunta acusados de falsificar documentos dunha obra en Rede Natura

O tribunal recoñece que a forma de proceder dos investigados para completar o expediente administrativo foi "sen dúbida errónea", dado que había "outros medios de reflectir a realidade, total ou parcialmente, sen necesidade de falsificar a data dos documento

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/06/2020 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, absolveu do delito de falsidade en documentos públicos a dous exaltos cargos da Xunta acusados de ocultar a existencia dun informe negativo sobre unha obra de dragado de fondos da Rede Natura 2000 na ría de Ferrol, co fin de non incluílo na Declaración de Impacto Ambiental.

Ambos traballaban na Consellería de Medio Ambiente en 2011, entón dirixida por Agustín Hernández. En concreto, tratábase do ex-xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, Carlos Muñoz, e do exsubdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández Díaz,

Os investigados foran citados en 2016 co exdirector xeral de Conservación da Natureza da Xunta no ano 2011, Ricardo García-Borregón Millán, e o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Javier Turrillo Montiel, por un suposto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental.

Adega presentara entón unha denuncia que foi admitida a trámite e que derivou nunha investigación a instancias da Fiscalía ambiental do Tribunal de Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polos traballos, valéndose dunha draga, sobre os fondos da ría ferrolá, as actuacións prolongáronse durante dous meses (entre outubro e novembro de 2011).

A investigación tentaba determinar se se autorizou o dragado da canle da ría de Ferrol co obxectivo de facilitar a entrada e saída de buques gaseiros cara á planta de Reganosa, servíndose dun informe realizado posteriormente para rebater un documento previo no que se alertaba sobre os danos ambientais desta intervención na área protexida.

Ambos os funcionarios estaban acusados de redactar, asinar e introducir no expediente remitido á Fiscalía en dúas ocasións (2011 e 2013) un documento "inexistente no orixinal", e elaborado con posterioridade á obra. A denominada 'nota interior' estaba asinada por Fernández Díaz, mentres que Muñoz figuraba no recibín, co fin de "reforzar a aparencia de autenticidade".

Tamén introduciron no citado expediente, segundo a Fiscalía, unha dilixencia datada en 2010 para facer constar que a data do anterior documento non era a que alí figuraba e que se produciu unha incidencia. Para dar credibilidade a este relato, simularon dous documentos (oficios administrativos), un deles denominado 'Aclaración relativa ao expediente Mellora dos calados na canle de entrada ao interior da Ría de Ferrol', no que se solicitaba a revisión do expediente do ano 2012.

O ministerio público acusou a estes funcionarios de falsificar documentos "co único obxectivo de xustificar ante a Fiscalía a non incorporación á Declaración de Impacto ambiental do informe, que debería emitir o órgano responsable da xestión de Rede Natura 2000". O obxectivo, segundo o fiscal, foi "ocultar a existencia dun informe negativo á obra e disimular ou xustificar así dita omisión no seu departamento".

ACTUACIÓN "CHAFALLEIRA"

Con todo, os maxistrados consideran que estes documentos supostamente falsos "carecían de virtualidade para perturbar a investigación en curso" e que, en todo caso, as falsidades eran "inocuas, carecían de potencialidade lesiva, de capacidade para alterar a realidade xurídica na que se inserían, que é algo distinto da realidade documental".

A Audiencia sinala que o contido dos documentos "coincide coa realidade, aínda que non reflicta toda a realidade", pois os feitos que non se documentaron, é dicir, as reunións dun dos acusados cos técnicos, "non modificaron a situación nin tiveron incidencia na tramitación do expediente".

No entanto, recoñece que a forma de proceder dos investigados para completar o expediente administrativo foi "sen dúbida errónea", dado que había "outros medios de reflectir a realidade, total ou parcialmente, sen necesidade de falsificar a data dos documentos, de forma, ademais, chafalleira".

"Ao devandito cabe engadir que, aínda no caso de subsistir dúbidas sobre os fins cos que actuaron os acusados, a presunción de inocencia, e a súa concreción no principio in dubio pro reo, farían imposible declarar probada a finalidade de enganar que sosteñen as acusacións", destacan os xuíces.

Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta