O salario bruto anual dun galego é 1.764 euros menor que a media española

A brecha salarial por sexos é superior aos 5.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2020 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O salario bruto medio anual dun traballador en Galicia subiu un 3% en 2018 ata 22.245 euros, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE). Galicia é a sétima comunidade cos salarios máis baixos, mentres o soldo medio está 1.764 euros por baixo dos 24.009 euros que hai en España.

Este nivel de crecemento na comunidade galega é do dobre que no Estado (+1,5%) e supón o terceiro maior incremento porcentual por detrás de Comunidade Valenciana (+3,6%) e Baleares (+3,5%). Con todo, segue lonxe da media.

Pola súa banda, a brecha por sexos en Galicia mantense, aínda que haxa un lixeiro recorte. As mulleres cobran de media 19.543 euros (+3,8%), máis de 5.000 euros por baixo dos homes, que reciben 24.826,9 euros (+2,1%).

O soldo anual máis habitual en España foi de 18.468,9 euros en 2018, cifra que mellora en case 970 euros, un 5,6%, o de 2017 e que supera en case 2.000 euros o rexistrado cada ano do período 2013-2016, segundo a 'Enquisa Anual de Estrutural Salarial' do Instituto Nacional de Estatística (INE), con datos correspondentes ao exercicio 2018.

A pesar deste incremento, o salario máis frecuente foi un 23% inferior ao salario medio rexistrado en 2018. En concreto, o salario medio bruto anual por traballador subiu un 1,5% en 2018, ata situarse en 24.009,1 euros, a cifra máis elevada desde 2008.

O organismo estatístico explica esta diferenza entre o salario medio e o máis habitual en que hai poucos traballadores con salarios moi altos, pero que inflúen notablemente no salario medio. O INE fai, pois, unha división entre os que teñen un salario superior e os que teñen un salario inferior para obter o salario mediano, que en 2018 situouse en 20.078,4 euros.

Salario medio bruto en Galicia en 2018. EPDATA
Salario medio bruto en Galicia en 2018. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta