Nova Escola Galega: "Pedimos medios, estabilidade e autonomía pedagóxica para os centros"

A organización presenta aos partidos políticos unhas propostas educativas de cara aos seus programas electorais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2020 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

Nova Escola Galega presentou este xoves unha batería de medidas orientadas a que os partidos políticos as estuden e incorporen aos seus programas electorais nun documento no que fan fincapé nos beneficios da presencialidade escolar e reclaman medios, estabilidade e autonomía pedagóxica para os centros educativos da comunidade.

A través dunha rolda de prensa virtual, os representantes de Nova Escola Galega debullaron as propostas e orientacións do seu documento, que transmitirán ás formacións políticas por se "consideran incorporalo aos seus programas electorais". A proposta parte de que a "educación é un dereito de todos" que debe "sentirse e vivirse con equidade" e require de "centralidade" na sociedade actual, dixo Antón Costa.

Para iso, reclaman que Galicia leve adiante un "proxecto educativo propio" e que se fortalezan os centros públicos con investimento e medios, así como un ensino laico. Para a entidade, a cultura e a lingua galega deben "impregnar os currículos escolares".

Do mesmo xeito, Antón Costa afirmou que a crise da COVID-19 "pon de manifesto a necesidade da presencialidade das persoas" no ámbito escolar, particularmente no ensino non universitario, onde é esencial "a comunicación directa dos profesores cos estudantes" para promover o "desenvolvemento emocional" a maiores do intelectual.

En canto a medidas máis concretas, Belén Piñeiro reclamou a creación de máis prazas públicas de educación infantil, a revisión dos cocientes docente/alumnos ou a dotación de profesorado de apoio que "permita atender a diversidade educativa con calidade e sen segregacións".

"Esta crise demostrou que o sistema educativo é débil e está falto de medios", dixo Piñeiro, para quen é "necesaria unha revisión dos tempos escolares" para "facilitar a conciliación familiar, escolar e laboral", así como para "posibilitar as prácticas educativas de innovación, que actualmente non teñen oco".

A nivel social, subliñaron a "necesidade de que o territorio galego dispoña dunha rede de conexión a Internet efectiva e coa máxima calidade" e reivindicaron que se "propicie a autonomía pedagóxica dos centros", así como a financeira. "Da reflexión da comunidade educativa debe saír como afrontar a distribución de tempos e tarefas escolares", resumiron.

Nova Escola Galega aposta por eliminar as subvencións aos centros que segregan por sexo e ir reducindo os convenios en favor das prazas públicas, así como por "promover a xestión pública e directa dos servizos complementarios" e apoiar a estabilidade da rede de bibliotecas escolares.

No ámbito do profesorado, esixiron "estabilidade" tanto para os profesores como para os equipos docentes e unha revisión da súa formación, á vez que reclamaron unha "nova norma" que "substitúa o decreto do plurilingüismo e que permita ao galego avanzar no ensino".

Corredor dun centro de educación infantil . Iván Terrón - Europa Press
Corredor dun centro de educación infantil . Iván Terrón - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta