Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2020 | Actualizada ás 20:49
A actividade comercial en Galicia recuperou durante a fase tres da desescalada os niveis de consumo previos ao confinamento decretado para combater a expansión da Covid-19, segundo publica este xoves o 'Observatorio Abanca by IESIDE', que realiza un seguimento da transición cara á nova normalidade.
Deste xeito, entre o 7 e o 21 de xuño, período no que Galicia estivo na fase tres da desescalada, a actividade comercial estabilizouse e regresou ao nivel anterior á crise. Así, a práctica totalidade dos comercios rexistrou pagos con cartón e o consumo das familias recuperou a súa estrutura previa.
Por sectores, a alimentación mantivo na fase tres o comportamento de normalización rexistrado no anterior perído (fase 2) aínda que continúa por encima dos niveis pre-crises nun 25 por cento. O gasto farmacéutico acelerou a súa volta á normalidade ata situarse xa só un 13% por encima dos niveis previos ao coronavirus.
O comercio polo miúdo moderou a súa actividade tras o impulso rexistrado na anterior fase, aínda que se mantén sete puntos por encima do habitual. A estética e o benestar, o deporte e os produtos multimedia recuperaron niveis de actividade similares ao momento de referencia, sobre o que continúa o gasto en equipamento para o fogar que, con todo, seguiu en tendencia á baixa.
Pola súa banda, o lecer, que partía dunha situación moi por baixo da súa referencia, intensificou a súa actividade durante a fase tres ata alcanzar un nivel de gasto equivalente ao 79% do seu volume previo.
O transporte e as gasolineiras mantivo no período analizado un comportamento estable e quedou situado no 63% do nivel pre Covid-19.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.