Publicada a orde de Medio Rural que permite anticipar ata o 50% do importe de determinadas axudas

Supón un adianto duns 18,5 millóns de euros das axudas e non fará falta achegar os avais das entidades bancarias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural que permite anticipar ata o 50% do importe de determinadas axudas xestionadas por este departamento e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Rural
Rural | Fonte: © Miguel Núñez.

Trátase dunha medida aprobada polo Consello da Xunta e que forma parte do plan de liquidez da consellería, co fin apoiar aos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos. A Xunta lembrou que, ata o momento, os anticipos nestas ordes de axudas eran do 10% do importe total da achega, algo que agora se amplía ata o 50% co fin de mellorar a liquidez dos beneficiarios destas subvencións.

Esta mellora supón o adianto duns 18,5 millóns de euros por este concepto. Ademais, e como novidade, esta medida porase en marcha sen necesidade de que os beneficiarios das devanditas achegas presenten avais das entidades bancarias.

Doutra banda, co mesmo fin de axilizar os trámites, establécese que a execución parcial do proxecto subvencionado, relacionada directa ou indirectamente coa crise da COVID-19, non suporá sanción ou penalidade algunha para os beneficiarios das axudas.

Así mesmo, poderanse pagar aqueles gastos incorridos ata o momento de decretarse o estado de alarma, aínda que a actividade para a que foi concedida a axuda non se puido levar a cabo. Os solicitantes poderán, por tanto, presentar modificacións dos proxectos presentados e mesmo efectuar a renuncia expresa á axuda, sen que iso derive en sanción ou penalidad algunha.

Tanto o abono do anticipo como a exención da constitución de garantías serán aplicables a unha serie de liñas de subvencións. Son, en concreto, as destinadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes; as convocadas para apoiar investimentos en explotacións agrícolas, pequenos agricultores ou pequenas explotacións e as habilitadas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. Tamén ás que serven para fomentar as instalacións e equipamentos en común, a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo e as de transformación e comercialización de produtos agrarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta