Por E.P. | PONTEVEDRA | 26/06/2020 | Actualizada ás 16:11
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres un Plan de Reactivación do destino Rías Baixas dotado con máis de 3,5 millóns de euros e que sitúa o turismo como "eixo central da actuación".
En rolda de prensa, Carmela Silva destacou o carácter "participativo" do plan e tamén sinalou que é unha iniciativa "transversal" con medidas concretas vertebradas en cinco eixos centrais: aspectos legais e financeiros; prevención, seguridade, saúde e hixiene; dixitalización e competitividade; fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e promoción do destino Rías Baixas.
O plan parte do escenario central que, segundo a presidenta da Deputación de Pontevedra, espera "unha recuperación rápida do turismo nacional e unha recuperación lenta do internacional", cunha caída de visitantes no 2020 do 53,96% e no 2021 do 22,51%.
Carmela Silva tamén avanzou que van "poñer en marcha unha forte promoción nos destinos de proximidade, en España e o norte de Portugal", na que darán "a imaxe de destino seguro", engadiu.
DATOS XERAIS
Carmela Silva puxo en valor a importancia do sector turístico en España. "Somos o segundo destino internacional", sinalou, e que en Galicia, onde o turismo representa o 10,4% do PIB, hai máis de 200.000 empresas e 123.722 persoas ocupadas. A presidenta tamén indicou que na comunidade autónoma é a provincia de Pontevedra "a que ten un maior peso no sector do turismo".
En canto ás cifras, a provincia de Pontevedra acolleu o ano pasado a 1,7 millóns de persoas viaxeiras das cales o 80,3% eran residentes en España. Neste ámbito, Silva fixo fincapé na importancia de "dirixirnos ao mercado de proximidade, xa que vai ser a primeira saída para o sector turístico".
En canto á incidencia da COVID-19 no turismo, o estudo realizado no marco do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que participaron 200 empresas das diferentes comarcas da provincia, destaca que o 47% delas tiñan menos de 6 persoas traballadoras; o 86% das empresas tiveron que deter a súa actividade por completo e soamente un 13% puido manter o 25% da actividade; o 29% tivo que acollerse a un ERTE de forza maior e o 25% por causas produtivas.
Sobre as perspectivas de cara ao segundo semestre do 2020, o 40% cren que terán menos dun 25% de actividade, un 37% entre un 25-50% de actividade e un 17% que non poderán renovar a súa actividade.
As empresas sinalan, ademais, que ampliarán as medidas de prevención, seguridade e protección, reorientarán os seus produtos e servizos e incrementarán a dixitalización de canles de venda. Tamén, a través das enquisas, insistiron na necesidade dunha maior coordinación entre administracións para a promoción de novos produtos e servizos de proximidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.