Temas: ALLARIZ COMERCIO

Allariz impulsa a economia local con sábados de comercio na rúa

Un corredor comercial polas rúas do casco histórico da vila acollerá a uns 28 establecementos todos os sábados. A iniciativa, ademais de facer máis visibles aos comercios, pretende facer atractivas e seguras as compras.

Por X.M. Fernández | Allariz | 29/06/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este sábado 28 de xuño o comercio e hostalería de Allariz saíu á rúa no Casco Histórico. A zona que albergará este corredor comercial serán a rúa de Pepe Puga, rúa do Portelo, rúa Castelao, rúa Fonteiriña, Praza Maior e Praza do Matadoiro. Foi o primeiro de máis sábados nos que ao redor de 28 establecementos desenvolverán a súa actividade comercial.

Presentación da campaña 'Sábados de comercio na rúa'. Foto: Prensa Allariz
Presentación da campaña 'Sábados de comercio na rúa'. Foto: Prensa Allariz

Os establecementos que teñan o seu local no casco, utilizarán parte das súas fachadas e da rúa para mostrar todo aquilo que teñen de bo e de calidade. Así mesmo os que están situados fora do casco, o Concello de Allariz habilitaralle un espazo na rúa para poder desempeñar a súa actividade durante as mañás de sábado.

A actividade deste corredor  comercial  verase completada co Mercado da Reserva que se vén celebrando dende hai varios anos na antiga Praza de Abastos.

Para facer aínda máis atractivas as compras realizaranse sorteos e haberá ambientación musical. Entre as 10:00 e as 12:00 h. poderase participar na 'Ruleta do Comercio' na que se sortearán 20 vales de 20 €, 28 vales desconto de 20 € e un vale de 200 € para gastar no comercio e na hostalería de Allariz durante a mañá do sábado.

Allariz conta con varias zonas de aparcamento nas inmediacións do corredor comercial. Estas  son o Campo da Barreira, o aparcamento da rúa Emilia Pardo Bazán, a Praza de Modesto Seara, a rúa do Portovello e A Granxa e o Arnado.

Temas: ALLARIZ COMERCIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta