GC Aberto

Pensionistas invisibles

Na súa difícil batalla os pensionistas invisibles non só teñen de lidar contra o anacronismo das lagoas de cotización, senón tamén contra a exclusión a compatibilizar a exigua prestación coa norma reguladora do Ingreso Mínimo Vital.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 29/06/2020

Comparte esta noticia


Pensionistas galegos na Alameda de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Pensionistas galegos na Alameda de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo

 

O Ingreso Mínimo Vital é un logro social sen precedentes, por canto garante en gran medida  que  os cidadáns conten cun mínimo de ingresos que lles permita vivir dignamente.

 

Unha prestación non contributiva da Seguridade Social, de carácter indefinido que ten como  obxectivo esencial reducir os altos niveis de desigualdade da renda existentes na sociedade española e moi especialmente sacar da pobreza  extrema aos 850.000 fogares que padecen esta situación

 

O acceso a este ingreso mínimo é compatible coa percepción doutras prestacións de calquera orixe sempre que o seu cómputo non supere o limiar  establecido para o efecto, pero non así,  co importe das pensións de xubilación que perciban os maiores de 65 anos.  

 

Esta limitación ademais de ser un despropósito reabre a polémica nunca resolta dos pensionistas   afectados  por lagoas de cotización, e por iso,  cunha prestación por xubilación exigua, non entendéndose por tanto que queden excluídos   do  melloramento  da súa renda por esta vía,  cando o motivo da  súa precariedade  é debida a que os seus últimos anos de vida laboral  quedaron en paro ou tiveron un emprego precario  que sumado ao feito  de non poder  elixir os seus mellores anos de cotización para o cálculo  de prestación os sitúa á marxe  dunha  pensión digna, circunstancia que sumada a esta nova limitación os deixa expostos ao desamparo e sen opción de compensación ningunha.

 

Aínda cando tan anómala aplicación foi motivo repetido de debate no Congreso instando a acabar co efecto redutor  das lagoas de cotización  para o cálculo da pensión de xubilación, ao obxecto de permitir que os afectados puidesen elixir as bases máis favorables para a determinación da súa pensión, o certo é que todo quedou nun brinde ao sol por canto a  erosión da base reguladora continua.

 

Todo vén indicar que tan impactante prexuízo se debeu a que o desaxuste entre a oferta e a demanda non só acentuou a vulnerabilidade dos integrados neste perfil de idade, senón que anulou toda solución paliativa, e así, o desemprego neste segmento laboral tras a crise do 2008 foi maior que nunca, facendo que as súas perspectivas de reinserción se estancaran e que unha gran maioría dos afectados quedasen definitivamente excluídos do mercado laboral e repercutidos no importe da súa pensión en máis dun 45% do que lle correspondería de non truncarse as súas expectativas polos efectos dunha mala praxe política.

 

Sabido é que o tempo de interrupción da actividade profesional de calquera traballador, é unha temporalidade que a todo efecto está excluída oficialmente da  súa vida laboral, pois o  contido da mesma só inclúe os períodos activos, e excepcionalmente limitadas fraccións da súa permanencia no desemprego, sendo ese ciclo agrupado o que conforma a efectos reais os seus anos de cotización e establece o seu dereito ou non a percibir unha pensión contributiva.

 

É dicir, que as interrupcións de cotización aínda sendo alleas ao seu implícito,  paradoxalmente, se  son aplicables como penalización no cálculo da pensión, pois a pesar da incongruencia da súa utilización, as denominadas lagoas de cotización, contra toda racionalidade, si son utilizadas  para determinar  o importe neto da  prestación por xubilación.

 

Isto vén significar que  se está  procedendo  anomalamente contra  os pensionistas que non puideron cotizar nos últimos anos, co agravante de que os artífices de tan anacrónica medida   non son outros que os propios políticos  que co seu indolente proceder foron os  causantes da situación de precariedade laboral na que se viron inmersos os integrantes deste colectivo de risco.

 

 

É por iso que por máis que se insista en atribuírlle obxectividade á regra, o certo é que a súa aplicación produciu efectos aleatorios e verificada distorsión dos principios de proporcionalidade e  contributividade, tal foi así, que na actual tesitura persoas con  equivalencia de nivel, traballando os mesmos anos teñen pensión diferente, e iso pola negativa alteración xerada polas lagoas de cotización, cuxa repercusión ocasiona significativos agravios comparativos como  beneficiar a afiliados que aínda  tendo  menos  anos cotizados  non estivesen afectados  por intervalos de cotización.

 

O esperpéntico é que despois dos malos tratos inflixidos a este colectivo que se viu dobremente castigado polas crises dos últimos anos e por tanto afectados na súa xubilación pola repercusión das referidas restricións, sexan excluídos agora das vantaxes que en corrección compensatoria se lle puidese reportar a aplicación da norma reguladora  do  Ingreso Mínimo Vital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta